Opinión

Lotaría

VAIA POR diante que nunca me gustou apostar cartos, porque aínda que ninguén lle pon mala cara ao diñeiro fácil, creo que os premios deben ser produto do esforzo e non do azar. Aínda así, ando pola media de gasto por persoa en Lotaría de Nadal, unha especie de imposto revolucionario que se aplica con esa frase xa usada nos anuncios e que di: «E se toca?». Pois pasaría que, de non ter comprado aínda que só fose unha participación, un quedaría con cara de parvo, e como ben dixo o novo delegado da Xunta en Lugo nun debate parlamentario hai uns meses: «Tontos somos, pero dos coches aínda nos apartamos».

Un matemático contaba hai uns días nun artigo que a probabilidade de que a un lle toque o Gordo é a mesma cá de morrer nun accidente de tráfico ou, para ser menos tétricos, cá de abrir a guía de teléfonos sen mirar a páxina, sinalar un número ao azar e atopar o noso. Ante tal cálculo o máis lóxico é pensar que sería mellor meter nun peto eses euros que un se gasta ao ano en lotaría e darse unha homenaxe, con botella de cava incluído, o mesmo 22 de decembro. Claro que o malo é se a nosa celebración coincide coa de familiares, compañeiros ou veciños aos que ese mesmo día lles tocan uns miles de euros e saen eufóricos na tele. Só por evitar o ridículo e o desgusto pode pagar a pena seguir facendo un gasto inútil nun xogo no que, como no casino. o único que sempre gaña é a banca.

Comentarios