Opinión

Iscariotes

O DEPUTADO de ERC Gabriel Rufián está chamado a ser un dos protagonistas da convulsa lexislatura que se aveciña no Congreso. Coa súa última intervención -non moi traballada, pero si directa á parte baixa- no debate de investidura de Mariano Rajoy gañouse o título de malo malote e mesmo tentará competir con Pablo Iglesias para o de inimigo público número un, aínda que ese xoga nunha liga superior. Este barcelonés fillo de charnegos repartiu sobre todo estopa contra os ‘sociabstencionistas’, dos que ata fixo unha bíblica comparación ao definilios como iscariotes, como se nese discurso lle fose algo de amargura persoal con ese partido que, como ben definiu Hernando -o Xudas de Pedro Sánchez- ten vertido moito sangue, suor e lágrimas ao longo da súa historia, e non só dos seus. Criado nunha familia obreira e de esquerdas, o lóxico nunha Catalunya onde predomina o nacionalismo de dereitas e que a súa folla de ruta política estivera ligada ao PSC, pero os titubeos dos socialistas diante as reivindicacións dos cataláns acabaron por guiar a Rufián e a moitos outros ata ERC. Agora o PSOE, cunha xestora entregada á perigosa dinámica de axustizamento e repudio dos críticos, vai ter cos Rufiáns, Iglesias ou calquera que colla a estaca dos traizoados un problema de ruído de fondo que agradecerá Rajoy, pero que terá que remediar se non quere acabar na irrelevancia que xa sofre en Catalunya.

Comentarios