Opinión

Guerra

A PRIMEIRA imaxe que se ve ao chegar ao Memorial de Caen, un museo erixido na reconstruída cidade normanda para recordar ás xeracións futuras o horror da II Guerra Mundial, é a escultura pacifista dunha pistola co canón retorcido a xeito de nó e coa mensaxe: «Non violence». A segunda imaxe, xa dentro, é tamén efectista. En letras grandes pegadas na parede pódese ler que nese conflicto bélico morreron máis de 50 millóns de persoas. Os historiadores din que aquela foi unha guerra que había que gañar, porque estaba en xogo un modo de vida e os dereitos humanos, malia que o trunfo final de EE.UU. sobre Xapón, logo de sacrificar indiscriminadamente a vida de miles de inocentes con dúas bombas nucleares, non foi desde logo un xesto civilizado. Agora Hollande, como xa fixera Bush tralo 11-S, chama á guerra total contra o Estado Islámico e manda bombardear a capital dese ficticio país para vingar os mortos de París. Un ollo por ollo que ten poucas trazas de solucionar o problema e que vai alimentar o odio que buscan os ideólogos desa guerra entre civilizacións e relixións que colle polo medio ao mundo laico occidental. Estes días hai franceses que poñen flores na escultura pacifista do Memorial de Caen en recordo das vítimas dos atentados do venres e habería que preguntarlles se farán o mesmo polos mortos que provocará a declaración de guerra do seu presidente.

Comentarios