Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

A foto

AO REPORTEIRO gráfico Burhan Ozbilici acaban de darlle o World Press Photo, unha especie de Oscar á mellor fotografía do 2016 pola arrepiante imaxe do policía turco desafiando ao mundo diante do corpo do embaixador ruso ao que acaba de disparar. A foto de por si é impresionante e xa merece premio aínda que fose captada por unha cámara fixa, pero o feito de que o reporteiro quedase impasible pegado ao visor da cámara mentres o seu dedo premía o disparador é tamén merecente dun galardón ao valor ou a inconsciencia, pois esa capacidade dos fotógrafos para evadirse do entorno e fixarse só na imaxe que capturan é a que nos deixa a diario instántaneas que calquera afeccionado sería incapaz de captar malia a estar nese intre diante da noticia.

O xornalismo cada vez depende máis da imaxe, porque cunha poboación armada con teléfonos con cámara, se do que se conta non hai testemuña gráfica, a noticia perde credibilidade, e mesmo habendo fotos ou gravación, o espectador tamén pide máis probas, porque sabe que coas aplicacións informáticas hoxe en día pódese falsear case todo.

Di o director do certame que premiou a foto de Ozbilici que non tentan promover accións heroicas dos fotógrafos, pero o certo é que se non fose por ese atrevemento, consciente ou non, dos que miran a vida a través do obxectivo, contar a actualidade faríasenos moito máis difícil aos redactores.

A foto
Comentarios