Opinión

Foto de perfil

SE HAI algo que nos achegaron as redes sociais é a posibilidade de coñecer algo mellor e se cadra tamén facetas descoñecidas de familiares, amigos ou de calquera que nos dese o seu número de móbil ou que teña aberta a cancela do seu valado. Pero o que me trae de cabeza é o xeito no que algúns usan a chamada foto de perfil ou mesmo a frase de estado coa que en teoría nos din se están ou non dispoñibles para contestar. Porque aínda que hai persoas que teñen claro como queren que se lles recoñeza e non dubidan en poñer fotos persoais, con familiares ou ata vestidos coas camisetas dos clubs dos seus amores, tamén hai xente celosa da súa intimidade que prefire deixar asomar só unha característica que os define diante daqueles íntimos. E logo de que as redes sociais pasaran de ser entre a maoría unha novidade para converterse en algo habitual e ata molesto -porque chega un punto no que hai que silenciar o smartphone para poder dumir a sesta-, cada vez atopo máis fotos de perfil dese tipo enigmático e ata rocambolesco, e tras velas quedo pensando se de verdade quen as subiu é o titular da conta ou do teléfono ou ben se se trata dun impostor. Os que traballamos neste oficio de contar historias temos claro que debemos de estar visibles para confirmar que, neste totum revolutum informativo, temos unha cara -que mesmo algún ata nola pode romper- e porque tampouco temos nada que esconder.

Comentarios