Opinión

A fame si mata

AÍNDA PODEMOS atopar á volta da esquina testemuños de galegos que viviron os tempos da fame, cando nas cidades se comía a base de cartilla de racionamento ou do que traía o estraperlista e nas aldeas había menú único de caldo e leite durante case todo o ano, mentres a carne era artigo de luxo. As seguintes xeracións xa foron mellor alimentadas e mesmo moitas nais suaron para facerlles comer aos seus fillos. Pero cando criamos resolto o tema da comida e estabamos centrados en asegurar o estado do benestar, chega agora a OMS para dicirnos que mudemos hábitos e, practicamente, voltemos á dieta espartana dos nosos avós. Co aviso de que corremos o risco de sufrir cancro se comemos chourizos, liscos, zorza ou ata un fermoso chuletón de tenreira deses que fan chorar de regusto o único que van conseguir é que cada vez que nos levemos un bocado de carne á boca o fagamos co mesmo arrepentimento ca un fumador que se quere quitar do vicio e non o disfrutemos. E claro que creo que as recomendacións das autoridades sanitarias hai que telas en conta, pero non estaría de máis que cada vez que se saca un estudo como o que se fixo sobre a carne procesada tamén se teña en conta que eses alimentos, ao igual có caldo e o leite, serven para quitar a fame, un problema que por desgraza segue sen resolverse no mundo, malia que si que mata de verdade.

Comentarios