Opinión

Esquecer

A VICEPRESIDENTA do Goberno en funcións di que os feitos que se xulgan no caso Gürtel pertencen ao pasado e non deben influír en decisións do presente, como a de elixir un presidente para o país, malia que sexa o líder dese mesmo partido sobre o que orbitaba a trama corrupta.

Esquecer era tamén o que pedía Felipe González cando se presentaba en 1996 a unhas eleccións coa fuga de Roldán ou o caso GAL ás costas, un argumento que case lle serve daquela para perpetuarse no poder, pois pouco máis de 300.000 votos déronlle entón o triunfo a José María Aznar.

Neste país sempre fomos moito de esquecer e poida que ata non sexa malo. España pasou páxina a unha guerra entre irmáns e a 40 anos de ditadura, polo que pedir que nos esquezamos dos que ata hai días andaban pola sedes dos partidos con millóns en maletíns non é un sacrificio.

Tamén no propio PSOE estanse agora plantexando esquecerse de quen é o seu principal rival e mesmo valoran aupar ao seu líder como presidente do Goberno. Malia que a militancia non semella estar tan dacordo con ese lavado de cerebro colectivo, a teoría do esquecemento está a cobrar forza non só no PSOE senón na sociedade e, segundo pasan os meses sen que se saiba quen debe ser a cara visible deste país teledirixido, máis xente se está a apuntar ao bando da desmemoria, que se cadra tampouco é a peor opción.

Comentarios