Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Errorismo

O ERRORISMO é unha teoría que naceu no 2005 entre un grupo de inconformistas arxentinos e que se inspira neses científicos que a forza de experimentar sen éxito acadaron un día o que pretendían. Os seus principios son frases como aquela que dixo Edison cando lle preguntaron polos erros cometidos ata berrar eureka: «Non fracasei, só descrubrín 999 maneiras de como non facer unha bombilla». Esta teoría baséase no principio de que o erro non é un fracaso senón un acicate para continuar e mesmo os gurús de Silicon Valley repítenlles aos emprendedores que é necesario fracasar a miúdo e rápido. O errorismo pretende converterse tamén nunha filosofía de vida, que pode valer tanto para atrevidos ou incoscientes como para patosos e no fondo tenta darlle sentido a todos eses erros cotiáns que cometemos e que non teñen por que ser garrafais. Porque no fondo errar é de humanos. Pero se hai unha cuestión que os erroristas cren que vai contra os seus principios é converter en punibles os erros, ben apartando o culpable do seu cometido ou aislándoo, algo moi común neste mundo competitivo que non considera que a experiencia dos erros pode ser experiencia de coñecemento. Os erroristas cren que unha sociedade que non sabe perdoar erros está condenada ao fracaso, aínda que o peor é non saber aprender deles: só hai que mirar as páxinas de internacional dos xornais para decatarse delo.

Errorismo
Comentarios