Opinión

Ciclos

A ECONOMÍA pasa por ciclos e segundo nos están a dicir agora os gobernantes estamos na fase expansiva logo dunha contracción que en España se viviu dun xeito que facía décadas que non se recordaba. Mesmo hai quen di que non se coñecía tal retroceso nas condicións de vida como o sufrido tralo estalido da Guerra Civil ou mesmo desde a perda das últimas colonias a finais do século XIX. As históricas curvas do PIB español así o demostran, pero se hai catro anos todo era pesimismo e receitas de axustes orzamentarios ou laborais, hoxe as mensaxes de optimismo chegan por vía orzamentaria, con restitución de pagas a funcionarios e anuncios de rebaixas fiscais para o vindeiro ano. O problema é que ninguén explica que como Estado estamos máis endebedados hoxe en día que hai catro anos e cada vez hai menos peto na caixa da Seguridade Social. E por iso non queda outra que preguntarse se estes galanos de fin de mandato non son máis que tracas de festa e pasadas as eleccións virá de novo Merkel coa rebaixa ou se de verdade estamos ante un cambio de ciclo económico. De momento, a Comisión Europea non se cre as previsión de déficit de España e pide que se revisen, polo que hai quen avisa de que en 2016 volveranlle pedir a quen goberne que aplique a tesoira. Se é así, esta será a fase expansiva máis curta que teñamos vivido tamén en décadas.

Comentarios