Opinión

Cheiros

DOUS DOS lugares nos que quedaría a vivir sen dubidalo calquera amante do mar e das paisaxes onde apetece sentarse a non pensar son Pontevedra e Navia de Luarca. Só un refacho de aire failles cambiar de idea ao momento, xusto neses minutos nos que as fábricas de pasta de papel de Ence fan o proceso de cocción da madeira e inundan de cheiro as pituitarias ata que acaban por acostumarse. Malia e todo, as comarcas nas que se asentan estas dúas papeleiras son prósperas grazas á súa aportación ao PIB local e tamén ao sector forestal, mais no caso de Pontevedra a dependencia deste tipo de industria contaminante non é tan acusada como no da vila asturiana. E como queira que o contorno da ría de Pontevedra ten un potencial turístico -ademais de pesqueiro e marisqueiro- que pode desenvolverse aínda máis, as voces críticas contra esta papeleira redobráronse nos últimos anos conforme se foi achegando a fin da concesión do complexo de Lourizán, que remata en 2018. Por iso a aprobación por parte dun Goberno en funcións dunha prórroga por 60 anos do permiso para o funcionamento da factoría pontevedresa de Ence -á que por certo se lle denegou a autorización para unha planta de biomasa en Canarias a semana pasada- resulta difícil de entender non só para os que levan anos cuestionando esta fábrica, senón mesmo para os que, se o cheiro das papeleiras nos molesta, aínda temos moita costa onde parar.

Comentarios