Opinión

Caras novas, mesmas ideas

O BNG VÉN de renovar esta semana a estrutura do seu grupo parlamentario no que estarán á fronte dúas mozas lucenses, a sarriana Ana Pontón, que actuará como voceira, e Olalla Rodil, a xornalista de Ribeira Piquín que aos seus 27 anos representa esa renovación que sempre busca un partido sen que lle supoña retocar as bases ideolóxicas. 

Logo dunhas eleccións autonómicas nas que os nacionalistas acadaron uns resultados que nin os máis optimistas no BNG auguraban –só perderon un deputado e 40.000 votos con respecto a 2012 a pesares do goteo de baixas na militancia nestes anos–, o grupo parlamentario vai ser una especie de guía para saber o que se pode esperar no futuro desta histórica formación, que chegou a ser segunda forza en Galicia da man de Xosé Manuel Beiras e que hoxe ve cómo ese posto ocúpano os que marcharon a En Marea. 

As lucenses Pontón e Rodil, xunto cos seus compañeiros de grupo, van estar no punto de mira non só dos dirixentes e militantes do BNG, senón tamén do resto de simpatizantes do nacionalismo que ou ben se pasaron a En Marea e miran desde a outra acera como evolucionan os antiguos compañeiros ou daqueles que quedaron na casa nas últimas eleccións porque non lles convenceron as mensaxes de ninguén. 

O problema para as políticas lucenses é que hai quen pensa, tamén dentro do partido, que de momento só houbo un cambio de caras, pero que aínda é necesario mudar ou repensar a estratexia para evitar que a recuperación de apoios nas urnas non quede só no chamado "‘efecto Pontón’" e o BNG poida ter expectativas de volver ser alternativa de goberno ao PP. 

"Son as mesmas mensaxes que se escoitaban nos anos sesenta pero ditas agora por políticos mozos", asegura un dos afiliados que decidiron deixar o BNG este mesmo ano e que dubida de que o cambio de estratexia vaia ser posible coa renovación xeracional. Sen embargo, outro veterano militante e afín ao único sector crítico que queda no Bloque logo dos sucesivos abandonos aínda confía en que poida darse esa refundación para atraer non só ao maior número de galegos que sinten o nacionalismo, senón tamén a aqueles que, sen comulgar con ese ‘"ismo"’, cren necesario defender os intereses do país. 

Algún cargo público do partido mesmo defende a micrófono pechado que as vacas sagradas do UPG deberían deixar de tutelar cada movemento dos representantes nas institucións ou tamén as asambleas onde se decide a estratexia a seguir, para propiciar deste xeito a renovación. Porque aínda que é certo que o balbordo que caracterizou ao BNG na última década semella terse mitigado coa marcha dos descontentos –algúns deles trasladaron as discusión bizantinas ás asambleas das mareas–, nunha formación política sempre é sano que haxa debate. 

Pero o caso é que hai sectores nacionalistas que cren que os resultados nas eleccións do 25-S o que fixeron foi dar argumentos ao sector máis inmovilista do BNG, o que defende manter pechado o tarro das esencias fronte ás coalicións con forzas de esquerda non nacionalistas, e que esa renovación e esa refundación que serían urxentes de terse dado un amplo retroceso electoral quedarán aprazadas sine die, en parte tamén porque En Marea non acadou o éxito que esperaba. 

De non haber –como parece que queren os baróns do PSOE e o Ibex 35–, terceiras eleccións xerais, o vindeiro reto deste BNG de caras novas serán os comicios municipais de 2019, onde verdadeiramente medirá a seu teito electoral para os vindeiros anos. 

Os frentistas terán que ser capaces primeiro de manter ou recompoñer estruturas nos municipios e, no caso das vilas e cidades, de tratar de visibilizar o traballo en gobernos nos que participa ou dos concelleiros na oposición. 

En Lugo, o BNG conta coa vantaxe de ter feita xa a renovación en 2015 e de contar con dous concelleiros que, malia ter apoiado a investidura da alcaldesa socialista, amosan un discurso crítico co goberno, sobre todo desde que os nacionalistas decidiron rachar o bipartito na Deputación. Pero como non chega só cos xestos, tanto os concelleiros como esa disciplinada militancia da que soubo tirar o BNG nas últimas eleccións terán que traballar arreo para convencer aos lucenses de que, como xa fan desde 1999 en Pontevedra, son solventes para liderar un gran concello.

Comentarios