Opinión

‘'BNGexit’'

A ÚLTIMA labazada electoral parece que lle fixo reflexionar ao BNG sobre cal debe ser a súa folla de ruta para evitar converterse en especie en extinción e ter que pedir amparo ao Pacma, unha forza que nalgúns concellos tivo tanto respaldo coma os nacionalistas. Unha vez feita a dixestión do novo descalabro do 26-X, os dous deputados provinciais de Lugo, acompañados do secretario de Organización do partido, Bieito Lobeira, certificaron o '‘BNGexit'’ do goberno da Deputación de Lugo, marcando un camiño que pode continuar nos executivos da Coruña e Pontevedra.

O pacto do PSOE co PP e Manuel Martínez para aprobar os orzamentos foi a excusa perfecta dos nacionalistas para rachar cun goberno de coalición que para nada lles axudou a contrarrestar a fuga de votos e efectivos para o bando da Marea e que só semellaba ser unha táboa de salvación para algúns cargos nacionalistas logo dos últimos naufraxios.

Á espera do que poida pasar co resto de gobernos de coalición provinciais e locais, o BNG, ao igual cós británicos, ten diante de si o reto de empezar de cero e en solitario a tarefa de reconstruír un proxecto ben diferenciado da revoltiza de Anova-EU-Podemos. E se cadra, ata debería facelo sen a presión das vindeiras eleccións autonómicas, nas que podería quedar fóra do Parlamento, porque se a casa está en ruina, sempre é mellor tirar e facer de novo ca rehabilitar.

Comentarios