Opinión

Biosfera

ANDASMOS ESTES días preocupados pola desfeita que nos están a facer no río Miño para que unha empresa que gañou un sospeitoso concurso se beneficie dun aproveitamento hidroeléctrico que o Concello de Lugo deixou hai anos de usar. E o que máis nos sorprende é que se autorice unha obra dese calibre nunha zona catalogada como Reserva da Biosfera polo seu valor ambiental, malia que logo pedimos que alí mesmo se habilite unha zona de baño que durante os meses de verán seguramente vai ter uns efectos perniciosos nesa flora e fauna que nos comprometemos a conservar diante a Unesco. Esas mesmas contradicións que temos os lucenses, que nos gabamos da nosa contorna natural e logo plantexamos e autorizamos novas dotacións agresivas, son as que de seguro teñen os 150 líderes mundiais que se reúnen estes días no cumio do clima en París. Plantexan un pacto para reducir as emisións de CO2, como pediu o propio Barack Obama, pero eludindo se debe ser vinculante para os asinantes. As reservas da biosfera foron concibidas no ano 1971 como unha especie de santuarios representativos dos diferentes hábitats do planeta e por iso cando un país demanda esta catalogación para un espazo singular é porque se compromete a protexelo e a difundilo, malia que iso tamén supoña un problema á hora de executar obras na súa contorna. Como di o refrán, non se pode estar na misa e repicando.

Comentarios