Opinión

Apostas

NON ESTÁ moi claro qué pobo da antigüidade inventou os xogos de azar, nos que gañar non depende só do esforzo e a sorte anima a tentar facer diñeiro fácil. Apostar é un xeito tamén de socializar cando se fai en grupo e malia que o premio que se pode obter soe ser proporcional aos cartos que se invisten, eses sorteos que nos din que podemos ser millonarios só con gastar un euro son os que convirten o xogo nun engano sinxelo de desenmascarar por obra da probabilidade. Aínda así as lotarías, sorteos, rifas, apostas ou calquera método de xerar expectativas dun cambio de vida a mellor moven un negocio multimillonario no que os Estados son os principais beneficiarios, porque xestionan algúns destes sistemas de apostas e tamén porque recadan impostos por premios.

Claro que, como en todo engano, sempre hai vítimas non sempre recoñecidas e que ese Estado consentidor esquece ata que o fenómeno se convirte en problema de saúde pública. A ludopatía arruína vidas do mesmo xeito ca outras patoloxías provocadas por unha adicción, pero se o problema afecta á poboación máis sensible, a mocidade, é cando a inacción se volve vergoñenta. E digoo porque nos últimos anos en España tense introducido un sistema de apostas deportivas moi popular no mundo anglosaxón e que tras medrar nun baleiro legal está a enganchar a rapaces sen que o Goberno faga nada agora, nin se cadra no futuro. Que apostan?

Comentarios