Opinión

A anomalía

UN EXCONCELLEIRO lucense de cuxo nome non quero acordarme e de profesión economista soía dicir antes do embarrancamento colectivo que as caixas de aforros eran unha anomalía do capitalismo. Aínda que as súas orixes foron os montes de piedad, creados cun obxectivo benéfico e social, no século XX as caixas pasaron a ser un instrumento máis dos gobernos para dirixir a economía, ata que a competencia coas entidades privadas fíxolles soltar amarras e medrar ata ser capaces de financiar millonarios proxectos.

No seu momento de apoxeo, que coincidiu coa fase de euforia da burbulla inmobiliaria, ninguén se atrevía a tusir diante dos executivos destas entidades, que facían e desfacían mentres organismos reguladores e políticos miraban cara outro lado. Pero cando comezou a descubrirse o que agochaban debaixo da alfombra, todos botamos as mans á cabeza e preguntámonos como nos deixaramos enganar por eses persoeiros de traxes caros, gustos refinados e palabras ocas.

Cinco deses directivos intocables da antiga NCG acaban de ingresar na cadea para cumprir dous anos de condena, nunha decisión xudicial cun marcado ton exemplarizante. Sen embargo, polo menos en Galicia, quedan por dirimir as responsabilidades políticas dos que consentiron aquel desfalco. Pero destapar esa anomalía se ve que xa non interesa tanto.

Comentarios