Opinión

Ameazados

A SOCIEDADE europea séntese ameazada cada vez que hai un atentado nunha das súas capitais porque, ao igual que fai quen ordena un bombardeo sobre unha cidade siria, o terrorista o que busca é facer o maior dano posible e provocar o caos. Se cadra aínda non nos decatamos de que levamos tempo nunha guerra, que como diría un innomeable expresidente, non está en desertos remotos nin en montes lonxanos. Témola nunha estación de tren, nun mercado, nun aeroporto ou nunha parada de bus e por moita seguridade que queiramos reforzar ou por moito que se busque imitar o sistema de control israelí, a ameaza sempre estará aí ata que as persoas que eliximos para que nos dirixan ataquen de raíz o problema. E non me refiro a enviar tropas a combatir ao terrorismo sobre o terreo, como xa se fixo sen éxito logo doutros atentados en Afganistán ou Iraq, senón en traballar nos guetos musulmáns das nosas cidades para darlles un futuro en igualdade aos mozos que poden ser captados polos xihadistas, ou bloqueando de xeito efectivo a venda de armas a países en conflito. Deixar sen argumentos aos que nos ameazan tamén é un xeito de combatilos. E claro que se pode mellorar o control de entrada nos aeroportos e fronteiras europeas, pero a ninguén se lle escapa que o Mediterráneo é un coadoiro, como se está a demostrar nesa crise migratoria que Europa xestiona con tanto desatino como a súa propia seguridade.

Comentarios