Opinión

Agasallos

NON SEI que lle pediron os protagonistas da política en España aos Reis Magos, pero aínda que me resisto a desexarlles que lles traian carbón, non perdo a esperanza de que o mércores se levantasen coa mesma ilusión cá de calquera rapaz para tratar de buscarlle unha saída aos meses de incertidume que se aveciñan. Pero postos a imaxinar o que poderían ter de agasallo na árbore de Nadal, dáme que a Mariano Rajoy lle deberían deixar os Magos de Oriente un DVD con clases de baile, non para cotillóns de Fin de Ano, senón para buscar esa parella que agora ten difícil de atopar para tentar repetir como presidente do Goberno. A Pedro Sánchez viríalle ben como galano un quit completo de supervivencia, para tentar resistir en Ferraz os intentos de desaloxo que lle preparan os seus compañeiros, mentres que a Pablo Iglesias, que seguramente pediu as obras completas de Kant, os Magos deberían deixarlle un xogo de Risk para que aprenda a defender o seu territorio e a asumir que hai liñas vermellas moi perigosas de traspasar. Albert Rivera, se cadra pola cara de santiño que ten, vai agradecer calquera regalo, aínda que non estaría de máis que lle aparecera algún libro de autoaxuda para as decepcións, que logo podería deixar na sede da Generalitat catalá a xeito de ‘bookcrossing’, por se a Artur Mas lle dá pola lectura nese camiño definitivo de volta para a súa casa.

Comentarios