Opinión

140

AÍNDA QUE o titular leve a pensar que vou escribir sobre Twitter e os seus inquebrantables 140 caracteres, o algorismo chámame a atención porque unha investigadora e unha xornalista veñen de publicar un libro cun irónico título, ‘'Morir joven, a los 140'’. As autoras chegan á conclusión de que a humanidade camiña cara unha lonxevidade non matuseliana, pero si propia dunha tartaruga mariña como Harriet, da que se chegou a pensar que fora traída por Darwin das Galápagos en 1835 e que morreu en 2006 nun zoo de Australia -se cadra aburrida de ver aos cativos tirarlle ‘gusanitos’- logo de 176 anos de vida. A súa historia ata foi convertida nunha fábula teatral, na que Harriet tomaba forma de anciá e relataba unha traxectoria na que sobrevivira a 11 papas e 35 presidentes norteamericanos, a dúas guerras mundiais, á Revolución Rusa e á Perestroika, e mesmo a Chernóbil. Pero a diferencia de Harriet, os humanos que cheguen a superar os 140 anos terán que ter a suficiente forza psicolóxica para aguantar todas as penurias, a perda de familiares e amigos ou as frustracións que se poden presentar nunha vida tan dilatada e que non fan nada doado seguir adiante. Iso si, agora mesmo, a calquera que lle pregunten dirá que preferirá ser Harriet a acabar como Margarita, a tartaruga de Facenda [en Lugo] que morreu roída polas ratas en plena adolescencia, con apenas 50 aniños.

Comentarios