Opinión

Unha ruptura demorada

Luís Villares e outros tres dos catorce deputados do Grupo Parlamentario de En Marea asinaron o seu pase ao Grupo Mixto, mentres unha quinta –Flora Miranda– anunciou a súa demisión inmediata. Deuse, pois, unha situación inédita: que os deputados suxeitos á liña política marcada polos órganos lexítimos do partido tivesen que deixar o Grupo no canto de facelo os deputados que racharan coa disciplina orgánica. Esta situación sería impensábel no eido local, onde as disposicións antitransfuguismo permiten a expulsión dos concelleiros rebeldes de cadanseu grupo local. Mais o Regulamento do Parlamento de Galicia non ten normativa análoga.

Cómpre lembrar que ás eleccións nacionais galegas de 2016 compareceu un partido, En Marea, fundado o 29 de xuño de 2016 como organización nacional galega e plenamente soberana. A desaquelada proporción obtida por Podemos entre os catorce deputados (sete, hoxe seis pola adscrición de Pancho Casal á liña oficialista de En Marea) explícase nunha trampulleira abordaxe telemática do proceso de primarias das candidaturas que implícitamente recoñeceu Echenique e marcou o comezo da colonización podemita.

Ficou entón claro que existían dous proxectos, un nacional galego e outro que acreditaba seren sucursal da esquerda española, cada vez máis xerarquicamente sometida ao personalismo de Pablo Iglesias. Velaí que a ruptura tardara de máis.

Habería ter chegado moito antes, quizais xa cando o chamado grupo confederal no Congreso impediulle aos deputados Alexandra FernándezMiguel Anxo Fernán Vello actuar como auténticos voceiros. Pagaba ben máis a pena que Fernàn Vello e Alexandra Fernàndez, ao xeito do que intelixentemente fixeron os catro deputados de Compromis, pasaran a Grupo Mixto para visualizaren a liña política que querían as bases de En Marea.

Mais Deus nos libre dun xa foi. Aquí pasou o que pasou e En Marea enfronta o seu futuro sen representación nas Cortes nin nos principais concellos galegos, só con algunha representación local propia ou próxima nalgúns concellos medianos e pequenos. E ten de decidir o seu futuro dende esas desfavorábeis condicións, quizais a só un ano das vindeiras eleccións nacionais galegas.

Hai espazo para unha forza nacional galega á marxe do BNG? Non o había hai dez ou doce anos, mais semella que arestora podería existir ese oco, na medida na que o BNG non aposte decididamente por cobrir tamén o espazo dos sectores menos ideoloxizados, da transversalidade interclasista e das propostas socialdemócratas. En calquera caso, mal farían os actuais mareantes se definen o seu proxecto “contra” no canto de facelo en positivo e abertos, quer á aberta competición, quer a determinada cooperación co BNG. Como tamén se definiran primeiro quen son os seus aliados estatais antes ca os seus propios socios estratéxicos galegos.