viernes. 18.10.2019 |
El tiempo
viernes. 18.10.2019
El tiempo

Ten solución España?

REVÉLASENOS AGORA que o Goberno ZP-PSOE do 2011 quitou Panamá da listaxe de paradisos fiscais por mór de lle garantir ás construtoras do Ibex 35 a adxudicación das obras da Canle de Panamá. Calquera xerente ou directivo dunha mediana empresa galega contaralles o absoluto desleixo co que miran os servizos diplomático e consular españois os seus esforzos de internacionalización. En Madrid os nosos adoitan ser os do palco do Bernabéu. Non por acaso algúns condenaron Anxo Quintana aos leóns por tentar que a enerxía galega aproveitase á cidadanía e aos emprendedores deste País no canto de favoreceren ao capitalismo de amiguetes do Ibex 35 (agás algunha excepción e, moi nomeadamente, Inditex).

Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, cómpre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7 M.

A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP, PSOE e, agora, C’s son os seus valedores partidarios. Compre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quén a albiscalo.

Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impór as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.

Polo de agora e só unha intuición. Mais teño para mín que o cambio político e social na España é ben díficil, con Podemos ou sen Podemos. E que si son posibeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta e de aí… para o Norte.

Ten solución España?
Comentarios