Opinión

Teimando na (i)lóxica represiva

A última reforma do Código Penal, que recibiu o apoio case total da maioría da investidura, suprimiu un delicto de sedición que non ten acollida no Dereito Penal común á maioría dos Estados da Unión Europea. Porén, introduciuse o delicto de desordes públicas agravadas, que pune coa cárcere durante tres a cinco anos a invasión de edificios e instalacións ou a obstrución ou curte de vías públicas cando se desenvolvan por multitudes nomeadamente aptas polo seu número, finalidade e organización  para afectar de xeito grave á orde pública. A mesma reforma introduciu un delicto de malversación máis lene (punido con cárcere por tempo entre un e catro anos)  cando non exista ánimo de lucro propio ou alleo, mais si unha xestión de fondos públicos afectándoos a finalidades distintas ás previstas legalmente. 

Deste xeito abeirábase o Dereito Penal español ao ronsel dos demáis Dereitos Penais europeos e da Convención das Nacións Unidas contra a corrupción de 2003, que non recoñece como delictos de corrupción as modalidades de malversación e prevaricación nas que non exista en acto ou potencia o arrequecimento proprio ou de terceiro.

Porén, Pablo Llarena-o maxistrado do Tribunal Supremo que instrúe a causa contra os políticos cataláns exiliados- deixou sen efecto as euroordes anteriores para o arresto e extradición destas persoas no ámbito da EU, ao considerar que a sedición xa está despenalizada. Mais mantivo a acusación contra Puigdemont, Puig e Comín polo delicto de malversación máis grave,  que esixe ánimo de lucro e pode ser punido até con doce anos de cárcere. E xustifica esta desaquelada conclusión na suposta existencia do ánimo de lucro nos tres políticos por ter destinado fondos públicos a fins ilegais como o referéndum do 1-O de 2017, esquecendo que na sentenza definitiva dos xa condenados nin as acusacións nin o Supremo definiron unha malversación por desfalco, senón por administración desleal. Eis o partidismo da súa interlocutoria.

Esta tese foi asumida pola Fiscalía (seica co visto e prace do Fiscal Xeral promovido por Pedro Sánchez ) e pola Avogacía do Estado,  directamente dependente do Goberno central. Ambas as dúas acusacións chegaron máis aló, ao pedir o procesamento de Puigdemont, Ponsatì, Comín e Puig polo delicto de desordes públicas agravadas, descoñecendo que o próprio Llarena recoñece que iso non é posíbel por faltar em todos eles calquera conduta violenta ou intimidatoria..

O mesmo Goberno do Estado que promoveu a reforma legal desenvolve agora unha (i(lóxica represiva, tentando, quer unha moi improbábel extradición do president Puigdemont, quer o esquecemento por parte do seu electorado da devandita reforma, que seica lle ten xerado prexuizos en termos demoscópicos, malia que fosen mais ben produto da falla tanto de pedagoxía como do control dos tempos políticos.      

Comentarios