Opinión

Sumar para gañar

O ACORDO acadado polo PP, Cs e Vox para gobernar Andalucía amosounos o grao de consenso real da Santa Alianza da dereita extrema, unha e tripla a respecto da axenda a impornos, que recolle grande parte das propostas reaccionarias de Vox: recurtes nas políticas sociais e de igualdade de xénero, política antinmigración e substancial recurte do autogoberno.

A ofensiva tripolar da Santa Alianza resposta basicamente ao obxectivo de recentralizar o Estado suprimindo a autonomía política e mantendo as CC.AA. como Mancomunidades provinciais para a xestión administrativa desconcentrada. Para Galicia é a peor das escollas, a que garante a súa pobreza, dependencia e irrelevancia.

Para máis, a ofensiva coincide coa substancial mutación implícita que sufriu o marco constitucional-estatutario nos últimos tempos. Dende a sentenza do Tribunal Constitucional que anulou substancialmente o Estatut catalán de 2006 e, sobre todo, dende a aplicación, no outono de 2017 e inducida directamente polo xefe do Estado, do 155 que converteu un mecanismo xa desaquelado na orixe, de limitación temporal e sectorial do autogoberno, nun estado de excepción que derroga este autogoberno. Derrogación que hoxe o tripartito da dereita (co apoio de parte do PSOE) quere facer eterna.

O PERIGO É INMINENTE. Estamos a falar, non só do dereito a decidir, senón do dereito a un autogoberno limitado, hoxe negado de facto polas propostas da dereita tripolar e extremista, así como dos dereitos fundamentais e das políticas de cohesión e inclusión social e de igualdade de xénero, que queren limitar substancialmente, cando non suprimir. Cómpre reaxir.

E, malia que sexa comprensíbel que, para as eleccións europeas, os partidos da España plurinacional preparen cadansúa coalición (ERC con BNG e EHBildu no ámbito da Alianza Libre Europea, PNV co PdeCat e Compromiso por Galicia no ámbito do Partido Demócrata Europeo e Compromís co Mes das Illes Balears, a Chunta Aragonesista e outros, que mesmo gostarían integrar En Marea) os tempos esixen moita máis unidade, moita  máis estratexia local-nacional, estatal e europea e menos partidos, como teñen sinalado nas últimas semanas Xosé Antón Jardón ou Ramón Cotarelo. 
      
De certo que unha coalición unitaria de forzas soberanistas e cosoberanistas para as eleccións europeas é unha solución intelixente, malia que ben difícil. Porén, como adoita dicir Morgan Freeman, nunca poderemos saber que algo se podía facer até que alguén o faga.

Comentarios