sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

Situarmos Pardo Bazán

O proxecto da Xunta de Núñez Feijóo de sobrancear a atención á Pardo Bazán nos contidos futuros do Pazo de Meirás afasta a súa reconciliación coa cidadanía coruñesa e galega que financiou a medio da violencia e intimidación franquistas  a merca da propiedade para llela doar ao ditador.
Ningúen pode dubidar da máxima relevancia da Dª Emilia na historia da literatura castelá, da importancia da súa abondosa e variada biblioteca ou do seu protofeminismo,  moito máis vencellado á igualdade no acceso á cultura e educación das mulleres ca ao recoñecemento dos seus dereitos políticos ou familiares (divorcio, etc.). A súa ideoloxía política, abertamente reaccionaria, non lle impediu integrar as achegas estilísticas do naturalismo ou as ideas pedagóxicas de Giner de los Rios, chegando ser  unha sobranceira  intelectual de dimensión europea. Mais…

Mais Dª Emilia adoptou escollas políticas evidentes, ben afastadas dos principios liberais, democráticos e galeguistas do noso Rexurdimento, como afirman os profesores Xosé Antón Fraga (último director do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses) e Helena Miguélez Carballeira, profesora na universidade de Bangor (Gales). Fraga ven de nos lembrar que a Pardo Bazán opta conscientemente polo carlismo tanto na versión insurreccional de 1873 canto no tradicionalismo pactista de 1886, sen por iso ´deixar de refugar sempre, dende 1873 até a súa morte no 1921, dos principios do liberalissmo democrático e do parlamentarismo. Pola súa banda, Miguélez Carballeira contrapón o clasismo e elitismo cultural da fidalga coruñesa e a súa dependente e subordinada de Galicia e das clases medias e populares co fondo vencellamento de Rosalía na cultura popular e na idea de xustiza social e do seu home, Murguía, no protagonismo político e cultural das clases medias na emancipación dunha Galicia dona de seu e actuante por si na Europa e no mundo.

Afondando nesa  idea subordinada de Galicia, Pardo Bazán defendeu o carácter dialectal do galego  e a súa validez limitada á poesía intimista e ás manifestacións folklorizantes do país, defendendo a exclusividade do castelán canto á produción científica e a literaria con arelas universalistas.
Os méritos da Pardo Bazán non poden agachar a indubidábel parcialidade política e cultural do plan de Núñez Feijóo para agachar a memoria democrática, recreando unhas ideas políticas e culturais-as de Dª Emilia-ben afastadas da mellor tradición liberal e democrática do pensamento galego.

Situarmos Pardo Bazán
Comentarios