Opinión

Rubalcaba no réxime do 78

Un bó amigo de meu, intelixente canda Rubalcaba, di con sentidiño que os políticos cando marchan da política ou, máis aínda, cando morren non haberían ser xulgados dun xeito moi rigoroso. E eu concordo con el totalmente.

Rubalcaba retirouse hai anos e fuxiu das portas xiratorias para voltar ser profesor titular universitario de Química Orgánica, a súa profesión de orixe (malia que levaba case trinta anos na poítica, a súa grande vocación). Mais a Xefatura do Estado, o presidente do Goberno, a súa familia e os partidos todos do réxime unionista do 78 conviron facerlle unha homenaxe política, de certo ben xustificada, mais que permite a veda da análise rigorosa dos fas e dos nefas do político falecido.

Rubalcaba era moi listo e, xa que logo, moi pouco dogmàtico, malia que amosou a vea xacobina que caracterizou a súa xeración no PSOE. Seica non tivo nada a ver coa xénese e evolución do GAL, como lle teñen acusado algúns. Si tivo ben a ver coa fin da ETA, como ministro do Interior que intelixentemente posibilitou o autodesarme decidido polos etarras e nomeadamente causado pola deserción da súa base social abertzale.

O socialista reivindicou con acerto a supresión das provincias na campaña das estatais do 2011, estrutura conservada a mantenta polo unionismo para enfeblecer, naqueles primeiros oitenta, aos Gobernos catalán e galego. Mais foi peza esencial da reforma, en outubro de 2011, do artigo 135 da Constitución para priorizar o pagamento dos xuros da débeda pública aos servizos sociais e públicos, unha decisión que abriu de vez a porta á política austericida de Rajoy.

Canto ao dereito a decidir e mesmo a ampliación do autogoberno das nacións do Estado, Rubalcaba sempre estivo enfronte, como nos ven de contar o antigo president de ERC, Joan Puigcercòs. En realidade, o cepillado do Estatut na Comisión Constitucional do Congreso foi máis cousa de Rubalcaba ca de Guerra. Tamén estivo Rubalcaba fronte á proposta de reforma do Estatuto vasco de Ibarretxe e contra da ampliación do autogoberno galego, malia os esforzos do despois ministro de xustiza, o federalista galego Fran Caamaño.

Homenaxeou o réxime do 78  un dos seus máis sabentes cerebros. Normal. Velaí a necesidade de termos presentes sempre aos que fixeron posíbel, nestes anos, o autogoberno galego dende parámetros nunca partillados polo unionismo do réxime do 78. Patriotas galegos coetáneos de Rubalcaba como Bautista Alvarez, Ceferino Díaz,  Domingos Merino ou Xosé H. Rodíguez Peña.

Que a terra lles sexa leve a todos…"

Comentarios