Opinión

Priorizarmos o eixo atlántico

Nin é a primeira nin ha ser a derradeira vez que se expoña a prioridade do eixo Ferrolterra/Ortegal-A Coruña-Compostela-Arousa-Pontevedra-Vigo-Porto-Lisboa-Sétubal para vertebrar o noso futuro económico. Porque a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xunta 6 millóns de habitantes e algúns dos principais portos de toda a fachada atlántica europea, privilexiados hubs do tránsito marítimo entre a Canle de Panamá e a América atlántica coa Europa atlántica.

Mais as potencialidades do eixo atlántico non rematan para nós, con ser tan importantes, no peirao de Leixoes, en Porto e Vilanova de Gaia ou no aeroporto Sá Carneiro portuense, senón que acadan os esteiros do Tejo e máis do Sado, as áreas urbanas de Lisboa e de Sétubal, nunha conurbación de 10 millóns de habitantes que fai parte das primeiras corenta megarrexións urbanas do mundo, como vén de nos aprender o esgrevio economista galego Xan López Facal.

Velaí porque haxa que priorizar a vertebración ferroviaria deste eixo atlántico, nomeadamente o treito Porto-Vigo no canto de obras faraónicas pouco rendíbeis, como é a conexión directa da liña de alta velocidade de Vigo con Madrid, cando conectando por Compostela o atraso será só de 15 minutos. A conexión da alta velocidade coa Meseta é un proxecto case rematado malia que non é a nosa principal prioridade, moito máis nunha nova andaina europea máis industrial ca turística. Fagamos os mínimos esforzos neste proxecto que vai funcionar moito máis en termos de baleiramento peninsular a prol do centro radial de Madrid ca en ningunha outra chave.

Evidentemente Galicia precisa incoporar ao interior galego a esta estratexia, nomeadamente potenciando os eixos Lugo-Ourense e Lugo-Compostela, ao tempo que vai vertebrando ese gran corredor cantábrico polo que nin Madrid nin as outras autonomías do Norte semellan apostar. O alcalde do Porto, Rui Moreira, vén de defender a conexión ferroviaria urxente Porto-Vigo, xusto unhas semanas despois da ferreña defensa desta liña que fixo o Goberno portugués fronte ao Goberno do Estado PSOE-UP, que prioriza a liña directa Lisboa-Madrid, que para nada interesa aos portugueses. Vén de defender tamén unha colaboración directa con Compostela, mesmo na vertebración aeroportuaria da eurorrexión. E denuncia o illacionismo de Abel Caballero (recreante da pailá cidade-estado coruñesa de Paco Vázquez dos 80-90 do século pasado), cando Vigo habería ser a peza fulcral do mecano de colaboración galego-portuguesa.

Madrid amoreou case o 45% do investimento estatal entre 1988 e 2018 e vai camiño de baleirar todo o interior español, como xa baleirou a Meseta agás núcleos como Valladolid ou Burgos. A vacina para sobrevivirmos é priorizarmos o eixo atlántico e, canda ela, a focaxe portuaria e europeo-americana e o reactivamento industrial dende as nosas vantaxes comparativas enerxéticas, tecnolóxicas e en capital humano.

Na focaxe radial madrileñocéntrica, Galicia está condenada á irrelevancia e á dependencia. Priorizando os eixos atlántico e cantábrico, Galicia daralle oportunidades aos seus recursos portuarios e industriais e terá futuro de seu.

Comentarios