Opinión

Precisamos dun banco público galego

Nunha recente palestra na Fundación Luzes o profesor  da USC Edelmiro López Iglesias advertía do grande gap que a liquidación do subsistema financeiro galego (absorción de Caixa Galicia e Caixanova e dos Bancos Gallego, Galicia, Pastor e Etcheverría) posterior ao 2012-2014 tiña xerado á economía galega, avaliando nuns 21.000 M€ ( 3.000 M€/ano) o excedente de aforro galego que agora financiaba investimentos doutras economías. Un gap  financeiro esmagador que  mesmo  sería superior se non mantivese Abanca a cota de liderado en activos que mantén. O obxectivo nº un de calquera Goberno nunha tal conxuntura habería ser intermediar ese excedente de aforro cara á economía produtiva, cara á empresa galega.

Os Bancos Pastor e Galego facían unha banca de empresas achegada ao territorio e boa coñecedora das pemes galegas. Caixa Galicia e Caixanova, con todos os seus problemas de xestión, mantiñan investimentos absolutamente estratéxicos en cadanseus sectores industriais. A liquidación a prezo de saldo dos investimentos empresariais  das Caixas deixou ao pairo, a mercede dos grandes Fondos internacionais, empresas estratéxicas. A concentración bancaria fanou de vez as posibilidades de acceso recorrente ao crédito por parte de moitas empresas galegas. Mesmo para empresas potentes do punxente sector conserveiro os Fondos internacionais constitúen ás veces o principal recurso de financiamiento alleo.

As elites extractivas do palco do Bernabeu que manexan o deep state español e os seus voceiros mediáticos adoitan dicir que a Banca pública non encaixa no sistema económico de mercado. Mais, como en tantas outras cuestión, minten. Na Europa son 31 os Estados os que manteñen banca pública. As caixas de aforro e rurais francesas operan a medio do Credit Agricole. As caixas de aforro alemás danlle canle ao aforro das familias destinándoas ás necesidades de financiamiento das pemes e do sector público de cadanseu Lander, mentres o banco público de desenvolvemento KFW desenvolve a función e grande banco de desenvolvemento no nivel federal.

O Banco Público galego habería cumplir, xa que logo, a función fundamental de lle dar canle a ese aforro que agora emigra. O que permitirá ofrecer condicións comerciais que superen a exclusión financeira de centos de milleiros galegos e reduzan as comisions e condicións desavantoxas que lles impón a Banca comercial. A captación en condicións máis acaídas deste aforro permitiría enfrontar as necesidades de financiamiento da nosa empresa, nomeadamente das start up, das medianas empresas en proceso de crecemento e  da ampla e estratéxica economía de propiedade cooperativa.

A Xunta de Galicia xa ten na mán os instrumentos institucionais iniciais para construir este Banco: Instituto de Crédito (IGAPE), fondo de capital risco ( XESGALICIA) e sociedades de afianzamento recíproco ( AFIGAL e SOGARPO). Nestas institucións xa traballan persoas que coñecen ben a economía gaega e as súas necesidades de financiamento.

Darlle canle ao excedente de aforro galego cara ao investimento no noso país a medio dunha Banca Pública galega é a clave para o noso desenvolvemento.

Comentarios