martes. 22.09.2020 |
El tiempo
martes. 22.09.2020
El tiempo

O PP promove o transfuguismo

A LEI ESTATAL básica de réxime local esixe para presentar unha moción de censura á alcaldía dos concellos a sinatura da maioría absoluta dos membros da corporación. Os partidos todos pularon por unha reforma desta lei no 2006 ("pacto antitransfuguismo") que esixía que nesta maioría absoluta non podían contar os concelleiros que marcharan ou foran expulsados dos grupos políticos polos que foran electos. Mais o Tribunal Constitucional (TC) decidiu a fins de 2017 que esta restrición era inconstitucional. Porén, o TC limitou os efectos da súa sentenza aos concelleiros elixidos dende as eleccións locais de maio de 2019. Velaí que nesta lexislatura local haxa xa barra libre para fomentar o transfuguismo, rachar os grupos políticos locais e alterar gravemente a vontade veciñal cesando e nomeando alcaldes e alcaldesas que non respostan ás resultas do xogo electoral.

Baltar, presidente da Deputación ourensá, ven de promover unha moción de censura no concello de Castrelo de Miño (O Ribeiro). Nas eleccións de 2019 BNG, PSOE e PP quitaron cadanseus 3 concelleiros, sendo elixido alcalde Esteban Suárez Méndez (BNG) por ser o primeiro da candidatura máis votada. Agora os concelleiros socialistas nº 2 e 3 da súa candidatura racharon co seu partido e o PP aproveitou para pactar con eles esta moción, que lle dará ao PP a alcaldía —logo de trece anos de goberno local nacionalista—o vindeiro día 12. Mais semella que non será ésta a única reviravolta transfuguista de Baltar, quen seica está a planificar unha moción de censura en Viana do Bolo, outra vez para cesar o alcalde nacionalista (Secundino Fernández) e pór no seu canto ao popular, alicerzándose en concelleiros desvencellados da disciplina socialista.

Baltar aprendeu do seu pai, o vello Baltar, quen pactou no 1996 a censura do alcalde do BNG de Maceda (Bieito Seara) botando mán do único concelleiro socialista para desequilibrar o empate a 5 concelleiros do BNG e PP nas eleccións de 1995. Tamén foi da fábrica do vello Baltar outra xogada suxa, que él mesmo alcumou de porcallada na constitución dos concellos despois das eleccións de 2003. Xosé Manuel Pérez Bouza, do BNG, era o candidato máis votado con 4 concelleiros, empatando co PP, mais este votou á única concelleira socialista.

Cando concelleiros elixidos polo PSOE hai só un ano apoian ao PP para mudar un goberno local as sospeitas son lóxicas e inmediatas, xa que en ningún destes casos hai cuestións políticas substantivas. Por outra banda, é evidente que o PSOE elixe dun xeito moi deficiente aos seus candidatos, das resultas do seu carácter histórico de franquía local.

Mais as responsabilidades non rematan en Baltar. Porque Feijóo, presidente do PPdeG, calado coma un peto, ratifica implícitamente esta liña política de promoción a eito do transfuguismo local.

Algo cheira a podre na Galicia. Mágoa que falte Ernesto Santos Discépolo para facer un tango (como fixo Cambalache) desta noxenta historia.

O PP promove o transfuguismo
Comentarios