Opinión

Macron e a Europa

COMO XA prognosticamos hai quince días gañou Macron moi amplamente. O escrutinio dálle a Mme. Le Pen o 33,9% dos votos fronte ao 66,1% de Emmanuel Macron. Moi pouca colleita extremista para tanto balbordo, cando amplos sectores (fálase do 20%) da dereita dura de Fillon xogaron á extrema dereita e un irresponsábel sector da esquerda de Mélenchon amosaron unha equidistancia merecente da reprobación do conxunto dos demócratas. Vencido (polo de agora) o feixismo, cómpre ollar para o triunfo deste presidente sen partido. Esquerda, centro e dereita democráticas aliñáronse a carón deste presidente, o máis novo dende o corso Bonaparte. Mal menor? Moi probabelmente. Un candidato que medra do 24% ao 66% entre a primeira e a segunda volta suma por exclusión. É evidente. Macron ten agora dúas prioridades. A primeira deseñar unha estratexia cara ás eleccións parlamentarias de xuño. Cal será a súa aposta? O esquerdista alternativo Mélenchon pode acadar a maioría na segunda volta en moitos distritos, mentres a dereita republicana é moi difícil que obteña un grupo potente. De calquera xeito, semella que Macron non ten tempo de cooptar candidatos parlamentarios gañadores. Máis voltas ten a pegada que poida causar Macron na nova Europa. Descontado o tempo de impasse das lexislativas francesas de xuño e as eleccións xerais alemás de setembro, Macron ten a lexitimidade de lle dar pulo a unha anovada federalización da Europa, de construír un discurso da unidade europea que lle opór ao brexit, mais tamén ao depresivo relato dos primeiros ministros húngaro, polaco e español ou á ollada curta dos ministros de Finanzas holandeses, fineses ou alemáns. Os liberaldemócratas do flamengo Gy Verhofsdatd ou do FDP alemán e o Partido Demócrata italiano, outravolta dirixido polo fiorentino Matteo Renzi, de seguro estarán ao seu carón nesta andaina.


ALBERT RIVERA E MACRON. Poucas ocasións mellores para dar o espectáculo ca a autocomparanza entre os cidadáns Albert Rivera e Inés Arrimadas e o presidente eleito Emmanuel Macron. Nin C’s nin UPD encaixan no esquema liberaldemócrata europeo, do que fan parte o PNV e o PDCAT, a antiga Convèrgencia. Semella que en Bruxelas xa se decataron e porán aos laranxiñas no seu sitio, máis cedo ca tarde.

Comentarios