Opinión

A liberdade de expresión

ANTES DE que cuestionemos esta enxurrada de condenas na chamada “Audiencia Nacional” por delictos de expresión relacionados co terrorismo, cómpre precisar que o caso da cidadá Cassandra non se refire a un acto de terrorismo no senso xurídico, senón a un acto violento contra o presidente dun Goberno ilegal e ilexítimo, nado da subversión armada contra a orde constitucional republicana do 1936 e subseguinte guerra. O terrorismo require no noso Dereito Penal dunha intencionalidade de atentar contra a orde constitucional lexítima. E o réxime franquista non o era. Velaí que a amnistía de 1977 impida non só o castigo, senón a propia investigación xudicial a respecto desta caste de delictos violentos anteriores ao 15 de decembro de 1976.

Mais, no terreo propio do que si son condutas que conteñen opinións a respecto de auténticos delictos de terrorismo (o que non inclúe o caso de Cassandra) compre aplicarmos o sentido común, que PP e PSOE perderon ao agravar a xa rigorosísima lexislación de Aznar no 2015, das resultas do pacto antiyihadista. É absurdo que no 2015 e 2016 o número de condenas sobarde en máis dun 600% ás do 2011, cando aínda actuaba a banda terrorista ETA. Máis da terceira parte dos recursos materiais deste Tribunal de excepción consúmese xa nesta caste de xuízos. Un despropósito.

Desenvolven estas actuacións os Tribunais penais máis condicionados pola maioría pro PP do Consello do Poder Xudicial: a “Audiencia Nacional” que xulga dende Madrid vulnerando o dereito de todos ao xuiz ordinario do noso ámbito territorial e o Tribunal Supremo, que resolve os recursos contra as súas sentenzas. E enxergamos moitas veces dous xeitos de medir, porque non faltan os antigos dirixentes socialistas que xustifican en público o recurso ao GAL e nada se actuou contra deles. Tampouco contra un xornalista e un toureiro que dicían querer eliminar aos adheridos de Podemos.

A convivencia democrática require que a liberdade de expresión sexa prevalente. Os fiscais e xuíces da democracia non poden perder o seu tempo perseguindo e xulgando chíos propios de mal gosto ou propios de descerebrados no Twitter. Compre eliminar xa do Código Penal as condutas que non supoñan un convite directo, real e inmediato á comisión do delicto.

Comentarios