Opinión

Lexislar a prol da banca

A DERIVA pro banqueiros do Estado español vén de lonxe. Xa no 1950 a ditadura aprobaba unha orde ministerial redactada polo profesor Joaquín Garrigues (logo incorporada á reforma da Lei de Axuizamento Civil-LAC-) que facultaba a que os bancos puidesen redactar unilateralmente as liquidacións das contas de crédito e de desconto bancario para reclamalas xudicialmente pola vía executiva.

Na versión reformada da vella LAC de 1984 e na actual Lei do 2000 definiuse un procedemento de execución hipotecaria que impedía, na práctica, que o debedor puidese opór razóns de fondo (como a existencia de cláusulas abusivas ou deficiencias no consentemento outorgado) para parar o procedemento xudicial. Tivo que ser o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) quen declarou a ilegalidade parcial deste proceso executivo e quen definiu a obriga dos xuices estatais a examinar sen pedimento previo a legalidade das cláusulas dos contratos que se executan e de anular as cláusulas abusivas, indemnizando aos prestatarios.

O Goberno Rajoy aprobou un procedemento de resolución da débeda subordinada de NCG Banco, S.A. (hoxe Abanca) que impuña parcialmente o seu resgate aos aforradores galegos, con perdas de entre o 22 e o 46% do valor nominal de cada obriga subordinada ou participación preferente. Tiveron que ser os Tribunais os que anularan a contratación destes produtos. A vía arbitral galega non incluíu máis aló dun 30% do aforro afectado, ademáis de non garantirlles a devolución dos xuros legais correspondentes.

O Tribunal Supremo, máis permeábel ás presións do Executivo que os tribunais de primeira instancia e apelación, decidiu como doutrina legal vencellante que os efectos da nulidade das cláusulas de chan non poderían ir máis atrás desa data, por entender que doutro xeito prexudicaríase gravemente a estabilidade do sistema financeiro. Tivo que ser outravolta o TXUE, na súa recente sentenza, o que declarara que os efectos da nulidade han ser recoñecidos dende cadansúas datas de sinatura dos préstamos hipotecarios, de xeito que o prestatario ha ser reposto na situación que tería de non existir esa cláusula.

Velaí que a constante na historia recente do Estado español fose a tendencia a favorecer á banca. Só a actuación xudicial e, nomeadamente, a da Xustiza europea conseguiu restablecer parcialmente algúns dos dereitos dos consumidores.

Comentarios