Opinión

Igualdade, mérito e capacidade

A Constitución baséase no principio de igualdade de todas as persoas, tamén no acceso á función pública e ao emprego público en xeral. As Administracións Públicas serven con obxectividade os intereses xerais con suxeición total ao Dereito. Velaí que para poder acceder ao emprego público (quer como persoal laboral, quer como funcionario, quer como sanitario estatutario) se requira de procesos selectivos que garantan a publicidade e o acceso das persoas candidatas en condición de igualdade, só atendendo aos requisitos de mérito e capacidade do xeito que se regule pola normativa da convocatoria. Unha normativa que non pode favorecer a priori a persoas concretas para que sexan as que accedan aos empregos públicos convocados.

No caso das Autoridades Portuarias esíxese, ademáis, a transparencia, independencia, capacidade técnica, imparcialidade e profesionalidade dos membros dos Tribunais de selección e máis que os contidos dos procesos selectivos sexan axeitados a respecto das funcións e tarefas dos postos a desenvolver nos postos de traballo suxeitos ao proceso de selección correspondente. Deste xeito, cómpre priorizar as oposicións a respecto dos concursos e concursos-oposicións que avalian méritos e entrevistas personais, agás para prazas que requiran coñecementos moi específicos.

Mais a política de selección de persoal da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vulnera todos estes criterios normativos. Nómeanse case sempre  Tribunais compostos polas mesmas persoas da Autoridade Portuaria. Abúsase de concursos e concursos-oposición mesmo para funcións  xenéricas. Adoitan fixarse prazos moi breves para a resolución do proceso selectivo, o que ten esixido historicamente o recurso dalgúns candidatos aos Tribunais do contencioso para repor a legalidade. No concurso-oposición para a cobertura dunha praza de técnico económico-financeiro,  convocado no 2018, o Xulgado do Contencioso de Ferrol anulou por sentenza de 18.09.2020 a adxudicación da praza a C.CH.L. por non lle  ter avaliado o tribunal selectivo catro pontos á recorrente V.G., atribuíndolle a esta persoa a praza.

Mais agora, case un ano despois, convocouse un simple concurso de méritos para a cobertura doutra praza de técnico económico-financeiro (porqué non un concurso-oposición como o do 2018 para unha praza que require coñecementos tan usuais?). Un concurso de méritos que fontes ferrolanas coñecedoras do caso coidan compatíbel de máis co curriculum vitae da persoa candidata escollida no 2018 á que privou da praza a sentenza xudicial.

Cómpre agardar que estas fontes estean trabucadas polo ben do interese público.

Comentarios