Opinión

Gañou a vella España

A DECISIÓN maioritaria (59 vs 41%) do máximo órgano estatal entre congresos do PSOE acordando a abstención do seu grupo parlamentario para permitir a investidura de Rajoy na segunda votación anuncia a implosión e fragmentación do vello partido socialista, cando non a súa pasokización até a irrelevancia.

O PSOE non quixo escoitar ao conxunto da súa afiliación nin á maioría dos seus electores, claramente enfrontados coa política de Rajoy, deconstrutiva das liberdades e dos servizos públicos e tolerante cunha corrupción que aniñou en moitas das estruturas do PP. Asemade, gran parte do seu electorado galego, catalán, vasco, navarro, valenciano ou balear rexeita as políticas recentralizadoras e o inmovilismo territorial do PP.

Gañaron os sectores do PSOE máis vencellados ao inmovilismo arredor do esgotado modelo da transición e á vella España. Os que defenden as portas xiratorias para que os seus se lucren nas empresas de distribución eléctrica e do complexo construtor-concesional que manexan as grandes decisións do Madrid político, financiero e mediático. E os que lle mercan o casposo modelo territorial ao PP. Non por acaso, gañaron polo seu dominio nos territorios do Sur onde reproduciron circuitos caciquís de xestión. Na Andalucía, Susana Díaz partilla con Rajoy o mesmo interese en que se dilúan as investigacións e axuizamentos da corrupción que lle cerca. Este común interese explica moitas cousas.

É o trunfo da vella España a respecto da España que podía abrollar, dunha España do século XXI que reivindique as políticas inclusivas socialdemócratas (verdadeiramente socialdemócratas) e a súa convivencia plurinacional. Velaí que o Estado español fique hoxe máis preto de remanecer indefinidamente bloqueado en acadar o cambio nas políticas, nas gobernanzas e no modelo territorial que precisa. Isto será malo para todos e, dende logo, daralle pulo aos territorios que prantexen a súa vida á marxe dun sistema caduco e esgotado.

A implosión socialista chegou tamén a Galicia e iso obriga a En Marea e, seguramente, ao BNG para desenvolver propostas que poidan acoller as sensibilidades tradicionalmente vencelladas ao PSdeG. Claro é que isto precisará sentidiño, concordia e integración. Todo o contrario, por certo, do que está a facer Pablo Iglesias.

Comentarios