Opinión

O fascismo xurde do centralismo españolista

Na fin da longametraxe Judge at Nuremberg (1961) o presidente do Tribunal Internacional que xulgou a varios xuices do Reich alemán por crimes contra a humanidade, Dan Haywood (Spencer Tracy) rematado o xuizo e notificada a sentenza, visita na súa cela a un dos principais condenados, o Dr. Ernst Janning (Burt Lancaster) xa condenado nese intre a cárcere perpetuo. Janning exprésalle ao xuiz Haywood o seu recoñecemento e o seu arrepío fronte aos crimes contra  a Humanidade coñecidos no decurso do xuizo. E Haywood até entón compasivo, espétalle, ácedamente; “Dr Janning, todo ese  horror  comezou cando vostede condenou á primeira persoa inocente”.

Nesta campaña electoral á Asemblea rexional de Madrid a esquerda española (PSOE, Unidas Podemos e Más País) denuncia a mensaxe racista, sexista e fascista de Vox, que vai ser chave para lle dar a presidencia da Comunidade a Isabel Díaz Ayuso do PP. Din as esquerdas españolas que agora se vai dar a fulcral novidade da  entrada de Vox no goberno rexional ou, polo menos, o medre substancial da súa influencia.
Vaia por diante que PP e Cs xa xa pactaran con Vox os gobernos de Murcia ou Andalucía. Mais semella que mentres non sucedan as cousas em Madrid non existen para ninguén. En calquera caso, a connivencia da dereita española coa extrema dereita de Vox ven xa dende hai anos e debulla un mapa político impensábel en Francia ou Alemaña, onde a dereita gaullista e a CDU opóñense ferreñamente á Front National galo e aos neofascistas alemáns da Alternative für Deutschland.

Mais o pulo do fascismo xa existía hai anos e foi nomeadamente visíbel na reacción do centralismo españolista ao procès. Fronte unha maioría política soberanista catalán que só quería exercer o seu dereito a decidir (coas dificultades xurídicas que ten o recoñecemento deste dereito das nacións no marco constitucional da  vixente, o que non é nin era  responsabilidade da cidadanía catalán nin dos seus representantes), o extremismo españolista exerceu unha oposición violenta manifestada nos gravísimos incidentes  da libraría Blanquerna en Madrid (Diada de 2013), nas agresións a xornalistas, como á do fotoxornalista Borràs en Barcelona (17.07.2018) ou no asalto á radio pública Catalunya Ràdio (27.10.2017). Entre setembro de 2017 e decembro de 2017 o extremismo españolista foi autor de 139 agresións violentas no país catalán.

Para a dereita españolista do PP e Vox estes grupos extremistas e neofascistas nunca foron un problema. Mais tampouco para o PSC, que partillou a manifestación do 8-Ou de 2017, copresidida por Josep Borrell e Salvador Illa (PSC), con toda caste de elementos extremistas actuantes antes, durante e despois. Un PSC que non tivo inconveniente en aprobar as accións violentas desenvolvida por ordes do Goberno Rajoy por elementos da Policía Nacional e da Garda Civil o 1-Ou de 2017 e de votar a prol dun desaquelado 155 no Senado o 28-Ou de 2017.

Algúns dirán que Comúns e Podemos ficaron á marxe desta enxurrada do extremismo españolista. Mais ficaron tamén á marxe do propio combate ao fascismo, manifestando unha equidistancia imposíbel entre a violencia do Estado e dos grupos extremistas e a actuación  soberanista pacífica na rúa. Unha equidistancia que lles leva priorizar Illa como president a respecto da solución independentista plural que votou a ciddadanía catalá o pasado 14-F como lles levou aceptar os votos da dereita españolista da candidatura “Cs-Valls” para que Ada Colau fose alcaldesa de Barcelona. no canto  do máis votado Ernest Maragall (ERC). Ou lles leva a deslexitimar unha forza soberanista, democrática e transversal como JuntsxCat.

No caso do procès o peor foi a concorrencia (mesmo a connivencia)  destas agresións fascistas na rúa coa represión estatal (1-Ou, 155, axuizamentos por Tribunais competentes, sentenzas  que prenderon presos políticos por delictos incompatíbeis cos Códigos Penais democráticos…). Velaí o aviso do voto particular dos maxistrados do Tribunal Constitucional (TC)  Juan Antonio Riol e María Luisa Balaguer cando propugnan que o conseller Jordi Turull (axiña quetodos os presos políticos condenados por sedición) habería ser absolto polo Tribunal Supremo (TS), por mor da indeterminación das condutas penadas pola sedición no Código Penal. Unha  auténtica emenda á totalidade á aplicación do Dereito Penal polo TS na sentenza do procès que, xunto coa xurisprudencia belga considerando incompetente para o devandito axuizamento ao TS, constitúe un sólido alicerzaento para que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) declare incompatíbel a condena do xuizo do procès cos dereitos fundamentais dos presos políticos.

O Estado e as forzas políticas españolistas (tamén, en moi grande medida, a esquerda) lexitimaron a intolerancia do extremismo españolista cando lles interesou que este extremismo fose aliado e vangarda na represión contra o soberanismo catalán. Alentaron Vox como acción popular perante o TS e asumiron a súa axenda centralista e negadora do dereito ao autogoberno e á autodecisión das nacións.

Agora seica o fascismo é unha vizosa realidade en Madrid. “Dr. Janning, todo ese horror comezou cando vostede condenou á primeira persoa inocente”.

Non hai nin pode haber democracia e liberdade no Estado español se non se garante o dereito a existir, ser, desenvolverse e decidir dos seus pobos e nacións. O fascismo xurde do centralismo españolista.

Comentarios