Opinión

As ensinanzas do preito de Meirás

A maxistrada Marta Canales estimou na súa integridade as teses xurídicas da Avogacía do Estado (dirixida polo avogado-xefe en Galicia, Javier Suárez) e declarou que o Pazo de Meirás pertence ao dominio público estatal.

A sentenza lembra que a demanda precisou dun rigoroso traballo histórico previo  e dun moi amplo consenso social que tardaron en chegar. O traballo histórico desenvolveuse polos historiadores sadenses Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo, canda as comisións encargadas, primeiro pola Deputación coruñesa e despois polo Parlamento de Galicia, coordinadas polos profesores da USC Xavier Ferreira e X.M. Núñez Seixas. Canto ao consenso social amosado no preito, co  apoio en Sala da Xunta, Deputación e mailos concellos sadense e coruñés, só foi posíbel polo amplo traballo das organizacións galegas da memoria histórica e por mobilizacións como a reivindicación desenvolvida por 19 membros do BNG no propio Pazo no 2017.

A sentenza é moi rigorosa técnicamente. No 1938 a pro Pazo (financiada por descontos salariais a empregados públicos e privados galegos e por doazóns coaccionadas dos nosos avós e bisavoas) mercáballe o Pazo á marquesa viuva de Pardo Bazán e manifestaba a súa vontade de doárllelo a Franco, como xeneral en xefe e Caudillo. Franco aceptou, mais a doazón non foi válida por non constar en documento público. Despois, no 1941, Franco outorgou unha compravenda coa devandita Marquesa, que lle serviu para inscribir rexistralmente como propiedade privada o Pazo. Mais esa venda era radicalmente nula por constituir una simulación absoluta, pois que o Pazo xa non era daquela da Marquesa. Velaí que os Franco non se poidan beneficiar nin da doazón (ineficaz por falla de forma) de 1938 nin da compravenda simulada de 1941.

O Estado incorporou de feito o Pazo ao dominio público, financiando todos os seus gastos e investimentos dende 1939 a 1976. Mesmo despois desta data seguiu a financiar a seguranza  policial e outros servizos. Posuiu o Estado durante máis de trinta anos, co que adquiriu a propiedade por prescrición. Canto á posterior  posesión da familia Franco non lle serve para nada, pois que non se pode adquirir por prescrición un ben de dominio público.

Ademáis, os Franco non serán indemnizados nos gastos que fixeron no Pazo por mor da súa evidente mala fe posesoria, que xurde da   simulación desenvolvida polo xeneral no 1941 para substraer o Pazo do dominio público. Para alén desta claridade xurídica, a xuiza cuestiona abertamente a lexitimidade do franquismo ao alcumar de “autoproclamado Xefe do Estado” ao xeneral usurpador.

Virán agora unha apelación na Coruña e unha casación perante o Tribunal Supremo en Madrid que non haberían modificar os nidios termos desta sentenza aquelada na forma e no fondo xurídico e que resposta ao sentido común e aos valores da reparación histórica. Mais cando a sentenza sexa definitiva haberá continuar a reivindicación para que o Pazo, adquirido cos recursos roubados aos galegos, sexa cedido ás Institucións representativas da cidadanía sadense, coruñesa e, en xeral, galega.

Comentarios