Opinión

Ence fóra da Ría

COMO NOS aprende o economista galego Marcelino F. Mallo, só unha ditadura puido obrigar manu militari, no 1958, ás mariscadoras e veciñas da ría de Pontevedra a deixar o seu medio de vida para construir unha celulosa promovida pola empresa pública Ence. Como tamèn só unha ditadura puido expulsar ás comunidades veciñais da xestión dos seus montes, operando as masivas repoboacións de pinos dos anos 40 e 50 do século pasado, que impediron os usos tradicionais a prol das comunidades e determinaron a emigración de ducias de milleiros. 

A aposta da ditadura franquista pola celulosa, sen transformación posterior en papel e pola masiva introdución do eucalipto respostou a esquemas autoritarios e coloniais de explotación, conferindo ao noso País un rol subsidiario de provedor de materias primas forestais e industriais sen compensar o estrago de recursos costeiros e forestais que calquera país moderno e serio refugaría.

A concesión para ocupar dominio público marítimo habería rematar a fins de xullo de 2018. Mais o Goberno en funcións de Rajoy, sen lexitimidade ningunha, prorrogou esta concesión durante 60 anos! Mais o concello pontevedrés (sempre por diante na loita cidadá contra a celulosa dende que Fdz. Lores accedera á alcaldía hai agora vinte anos), Greenpeace e a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (que traballa arreo nesta angueira dende 1987) recorreron xudicialmente esta prórroga e agora a Avogacía do Estado achantou perante estes recursos, recoñecendo a ilegalidade da prórroga. Ence aínda poderá defender xudicialmente a súa legalidade, mais as posibilidades de éxito dos recursos increméntanse exponencialmente.

Xa que logo, cumpriría botar os alicerces para o futuro. Garantindo a protección dos intereses dos 350 empregos directos e varios centos de indirectos eventualmente atinxidos polo peche ou traslado da celulosa, mais garantindo tamèn a saúde dos pontevedreses, os valores ambientais e paisaxísticos e os varios milleiros de empregos que xerará a recuperación da Ría. Nun primeiro momento, coa extensión dos traballos de desmontaxe e rexeneración "strictu sensu", despois coas grandísimas posibilidades de desenvolvemento marisqueiro, ambiental, turístico e urbano que se van abrir.

Os intereses do eucalipto e da pasta de papel (condenada a un imparábel devalo na era das tecnoloxías da información) non poden frear o crecemento económico sostíbel que xerará  guindar a celulosa da Ría de Pontevedra. 

Comentarios