Opinión

Efectos políticos do Nunca Máis

Este novembro estanse a cumprir os vinte anos da crise ecolóxica e política xerada polo varado e posterior afundimento do petroleiro Prestige. Unha crise nomeadamente sinalada pola incompetencia técnica do Goberno do Estado e pola súa comunicación falsa e mentireira. Naquela segunda metade de novembro e nos primeiros de decembro de 2002 centos de milleiros decatáronse que a costa galega, máis tamén a propia cidadanía galega,ficaban á intemperie (na moi aquelada expresión de Suso de Toro).

Esta mesma análise chegou ao cerne do Goberno galego. Fronte á submisión ao falso relato do Goberno de Madrid do conselleiro de mar Henrique López Veiga , o conselleiro Xosé Cuíña convenceu ao presidente Manuel Fraga para asumir unha xestión autónoma da crise, dende a evidencia da ineficacia e incompetencia estatais. Fraga decidiu entón nomear Cuíña como vicepresidente da Xunta e conselleiro de Medio Ambiente. Mais a contorna de José María Aznar, consciente de que esta decisión definía de vez o PPdeG como un partido que decidiría dende a Galicia, filtrou informacións que acusaban ao político de Lalín de se aproveitar da crise para vender material dende unha das empresas participadas polo seu grupo. A acusación era falsa, pois que tres auditorías certificaron que a venda facíase a prezo de custo, mentres a familia Cuíña doaba contedores por valor de case 100.000 €. Mais abondou para botar fóra do Goberno galego a Cuíña e orientar a sucesión de Manuel Fraga cara á solución centralista do birrete de Romay Beccaria e Núñez Feijóo.

A crise foi determinante para a derrota electoral do PPdeG fronte ao PSdeG e BNG nas nacionais da primavera de 2005, que deron na formación do Goberno de coalición que rexeu Galicia até a primavera de 2009. E serviu tamén para afondar na conciencia ecolóxica e de País de moi amplos sectores da cidadanía galega. O conxunto da sociedade galega sentiu os danos da Costa da Morte e o risco para a riqueza da ría de Arousa como cuestións comúns. A demostración en Compostela do 1-D de 2002 amosou un consenso na diagnose e nalgunhas das solucións, moi ben resumido naquel memorábel discurso do Obradoiro do noso Manolo Rivas: afastar o corredor atlántico usado polos petroleiros, defender a Terra e xubilar aos políticos mentiráns do momento.

Visto dende a perspectiva dos galegos e galegas da miña xeración (até entón ben máis pendentes dos obxectivos persoais a respecto das xeracións nadas nos anos 50 e primeiros dos 60, máis comprometidas no social e político), a crise do Prestige supuxo tamén para non poucas persoas unha clara repolitización e un meirande achegamento —dende a praxe moito máis ca dende a doutrina— á liña de mensaxe e á cosmovisión do galeguismo político.

Comentarios