Opinión

Do prexuizo ao odio

O asasinato de Samuel Luiz na Coruña puxo no foco os delictos de odio e agravados polo odio, ao se amosar probábel que a homofobia fose determinante deste crime. É cedo de máis para determinarmos esta cuestión, porque o caso está aínda sob o segredo da investigación. Só os Tribunais penais competentes poderán enxergalo. Mais do mesmo xeito que cómpre pedirlle acougo á opinión pública antes de anticipar veredictos de odio, tamén compre lembrarlle a moitas persoas que refugaron da existencia desta caste de agravante (entre eles o Presidente Núñez Feijóo) que existen pegadas importantes que esixen investigar esta hipótese, no canto de desbotala sen máis.

Os delictos de odio (chamados speech crimes ou bias crimes, é dicir delictos de discurso discriminatorio) e os delictos cualificados polo odio (é dicir as lesións, asasinatos, violacións, danos dolosos ou outros crimes executados por razóns de odio discriminatorio a un colectivo minorizado ) defínense por escoller á vítima non por ser quen é como persoa, senón polo colectivo ou minoría  a quen pertence, ou sexa por razóns de homofobia, transfobia, aporofobia, discafobia, racismo ou calquera outra circunstancia que emita a mensaxe de que, en realidade, o grupo social ou minoría á que pertence a vítima non é merecente de se integrar na sociedade ou, seica, a sociedade debería excluir ou discriminar tal grupo ou minoría, de xeito que non puidese partillar a vida social en réxime de igualdade cos demáis cidadáns e grupos sociais.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, máxima Corte xudicial no eido dos dereitos fundamentais para os 27 Estados da Unión Europea e outros 20 que partillan canda eles o Consello de Europa, considera que o discurso do odio non pode abeirarse na liberdade de expresión por abusar claramente dos límites da mesma. E constitúe abuso da liberdade de expresión por deitar a idea de que o grupo minorizado ao que pertence a vítima do delicto de odio é prescindíbel socialmente. Segundo esta caste de discurso, os negros, os homosexuais, os ciganos, os pobres ou as persoas discapacitadas non han integrar a nosa sociedade, polo menos iguais en dereitos e visibilidade. Velaí porque o sistema xurídico democrático europeo non é neutral e si belixerante contra esta caste de  discurso.

Clarexar tamén que o delicto de odio contra policías, funcionarios e  Autoridades non é posíbel, por ser colectivos neutrais por Lei, non minorizados e que desfrutan da  protección penal propia de seren Autoridade, o que permite acusar polo grave delicto de atentado a quen lles agreda, desbotando o delicto de odio.

Comentarios