Opinión

Dignificarmos as penas

A democracia liberal é un réxime de Dereito garantista que prefire, no mal paso de ter que escoller, a impunidade dos culpábeis ao castigo dos inocentes.  A democracia liberal entendida ao xeito dos sistemas xurídicos da Europa refuga da pena de morte e da prisión perpetua . E considera que a pena, nomeadamente a da máis extrema restrición de liberdades-a prisión- ha cumprir, canda evidentes finalidades preventivas (tanto a respecto do penado canto a respecto da sociedade en xeral)  unhas fins basicamente reinsertadoras e resocializadoras.

Todo isto está nos artigos 24 e 25 da Constitución. Neste contexto, Estados europeos con problemas complexos de convivencia e níveis de criminalidade moito máis altos ca os do Estado Español-como os Países Baixos- encetaron un cobizoso programa de redución das estadías no cárcere, considerando que a aplicación xeralizada das condenas de privación de liberdade non axudan nin á reinserción dos delincuentes nin á prevención dos crimes.

Mais existe unha falsa cosmovisión que denuncia unha suposta lenidade do sistema penitenciario español, sendo como é un dos máis rigorosos da UE, malia ser dos espazos europeos con menos delictos graves. Existe unha liña interpretativa na Fiscalía, algúns Xulgados de Vixiancia Penitenciaria e Audiencias que resolven as súas decisións en apelación, que nega o dereito dos penados a desfrutar de permisos malia cumprir boa conduta (na estreitísima consideración deste concepto para a Administración Penitenciaria) e 1/4 da pena. Tamén aquí, na Galicia. Mesmo en casos nos que a Equipa de Tratamento Penitenciario do Centro propón o permiso por unanimidade.

O réxime penitenciario español é, tamén, rigorosísimo na progresión ao terceiro grao (semiliberdade) e ao coarto grao ou  liberdade condicional (como mínimo  3/4 de pena cumprida). E adoita  descoñecer o dereito dos penados a cumprir cadansúas penas perto da súa contorna familiar e afectiva. Porque a pena ha restrinxir a liberdade de movementos, nunca os outros dereitos fundamentais dos penados. E moito menos os dereitos das súas familias, parellas e amizades.

A vulneración das persoas presas é xeralizada. Quer a medio do espallamento e illamento fóra de Galicia  de penados e preventivos galegos, situacións  de illamento que empeoran  o réxime pechado en primeiro grao, e  limitación dos coidados sanitarios, quer a medio da restrición dos permisos e progresións de grao que aconsellan as regras da reinserción e do tratamento penitenciario.

Na nosa democracia non se pode pechar unha persoa e guindar a chave ao pozo.

Comentarios