Opinión

Cidadanía e nova política

A RESPOSTA austericida que os gobernos lle deron á Gran Depresión, xunto coa deterioración política manifestada no divorcio entre amplos sectores sociais e o bipartidismo dinástico que monopolizou as institucións os últimos trinta anos, foron o caldo de cultivo da toma de conciencia cidadá, da repolitización de moita xente.
Milleiros se decatan que eles e a súa contorna empobrecéronse, quer ao perderen o traballo ou a súa pequena empresa, quer o veren reducidos ou precarizados os seus ingresos. E fronte a este empobrecemento os gobernos sanean a banca e recurtan a cobertura do desemprego, a sanidade, a educación e os servizos sociais, agravando substancialmente a mancada situación das clases medias e traballadoras. Mentres, abrollan centos de casos de corrupción que evidencian o afastamento de PP e PSOE a respecto dos problemas da maioría social. PP e PSOE amósanse moito máis pendentes de manter a súa capacidade de empregar aos seus ca de artellar políticas de crecemento que xeren emprego e recadación fiscal. Velaí o suceso da representación simbólica de Podemos: eles son a casta e non nos representan.

Na Galicia ocorre todo isto cando formáramos as xeracións máis preparadas da nosa historia. Que ducias de milleiros de persoas novas e amplamente formadas tiveran de emigrar contribuiu rachar o pacto social da transición, por mor da corrupción e desinterese bipartidista.

Considérase, logo, que non só hai que modificar substancialmente as políticas, senón que a cidadania ten de protagonizalas, que os veciños e veciñas han voltar á praza. Velaí a nova axenda: transparencia, limitación de mandatos, candidaturas brancas, candidaturas abertas. Mais os outros partidos, tradicionais alternativas ao bipartidismo, non foron permeábeis a este novo paradigma. Eis o auxe de Podemos primeiro e das marés, despois.

Cunha cidadanía máis formada e consciente, a política terá-xa as está a ter- estruturas moito máis líquidas. Non son tempos xa de organizacións políticas centralizadas e burocratizadas ou de solucións para o pobo sen contar co pobo. A nova política, que prioriza o protagonismo cidadán, veu para ficar.

Comentarios