Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Ao César o que lle pertence

OBXECTIVAMENTE NON hai quen poida negar o grandísimo traballo desenvolvido por moitas entidades e persoeiros católicos a prol da paz, da integración social e dun mundo mellor. Velaí os casos de Cáritas, Mans Unidas ou Proxecto Home, da loita contra as minas antipersoas  do bispo xesuita Kike Figaredo en Cambodia ou do labor silente do salesiano galego José Antonio San Martín na recuperación para a sociedade de ducias de rapaces e rapazas antes encadrados nas guerrillas colombianas.

Mais esta vizosa realidade non pode agachar a grave responsabilidade da Igrexa Católica no seu apoio aon fascismo italiano e ao franquismo español,  na represión da liberdade sexual e subordinación das mulleres e na súa actitude ambivalente, cando non cómplice, nos casos de abusos sexuais a menores por parte de eclesiásticos. Responsabilidades todas que a Igrexa ha recoñecer e que semella que, baixo a dirección do Papa Bergoglio, quere enfrontar, malia que, quizais, non coa dilixencia e celeridade esixíbeis.

A liberdade relixiosa esixe a aconfesionalidade . É dicir, que os Poderes e Administracións Públicas non teñan relixión oficial, polo que non é constitucional que alcaldes, conselleiros ou ministros asistan no exercicio dos seu cargo –e si como cidadáns- a procesións, votos, ofrendas ou misas, por moita tradición que teñan. Esa presenza era historicamente comprensíbel cando Europa era a “universitas christiana”, antes da laicidade traída polas  revolucións liberais e democráticas, mais non agora. Católicos, xudeus, agnósticos e ateos teñen o mesmo dereito a percebir neutrais aos Poderes Públicos.

Mais esta aconfesionalidade ha de se entender en clave de laicidade positiva e non de laicismo. É dicir, que os Poderes Públicos han colaborar coas confesións relixiosas dentro da lei e as manifestacións relixiosas poden ocupar  os espazos públicos, sen ter que se cinguir ao ámbito privado. Velaí a plena compatibilidade  das procesións de Semana Santa cunha aconfesionalidade democrática.

Porén, o que sobarda todas as regras democráticas do Estado de Dereito é que catro ministros asistan a unha procesión onde se defenden valores autoritarios e militaristas incompatíbeis coas liberdades e coa mensaxe actualizada da Igrexa que hoxe dirixe Bergoglio.

Ao César o que lle pertence.

Ao César o que lle pertence
Comentarios