Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

A solución federal

O ESTADO autonómico está esgotado pola continua recentralización dos últimos dezaoito anos, agravada pola implosión do 155. Precisamos dunha solución federal, máis na liña da pluralidade e asimetría, canadiana, australiana, suiza ou USA, ca na liña do federalismo cooperativo alemán. Esta solución federal ten que acoller a plurinacionalidade española, a mesma que recoñecen teoricamente, en maior ou menor grao, os 180 deputados que investiron Pedro Sánchez. O que implica a súa esencial asimetría e a introdución na gobernanza española de elementos confederais, de áreas absolutamente exentas da máis lene intervención do Estado central. Estas áreas han ser as políticas lingúísticas (para garantirmos a igualdade real do galego, catalán e euskera co  castelán que hoxe non existe), culturais e educativas, o Dereito Civil e máis a organización territorial e réxime local.

Nas políticas económicas e sociais as administracións hoxe autonómicas e as locais han monopolizar a xestión e a execución, constituíndo a Administración única. No caso de Galicia é esencial o traspaso dos portos e aeroportos hoxe de interese xeral, das autoestradas AP-9 e AP-53 e da rede viaria e ferroviaria toda. O Estado ha de se centrar só en determinadas políticas comúns, resignando progresivamente as de defensa e diplomáticas na Unión Europea.

Este federalismo ha ser competitivo. A progresiva transferencia da recadación fiscal é inevitábel O Estado habería garantir a nivelación básica dos distintos servizos, mais o autogoberno dos distintos territorio sería real e súa a decisión dos servizos que escollen para dotarlles dunha calidade superior á media. A concorrencia entre territorios haberá minorar a tendencia á recentralización económica que levou á comunidade autónoma de Madrid a un PIB do 139% estatal dende un 113% no 1980, amosando o fracaso redistributivo do Estado autonómico.

É verdade que a maioría absoluta do PP no Senado e máis a oposición do deep state que vertebra a Coroa e inspira o capitalismo castizo do BOE dos sectores regulados do Ibex 35 dificultan moi grandemente esta precisa evolución xurídico-política. Mais o mero feito de prantexarmos e debatermos esta caste de solucións no canto das choromicadas dependentistas do PPdeG ou dos extremismos neocentralistas de Vox ou Ciudadanos suporá xa un avance. 

A solución federal
Comentarios