Opinión

Queixas por todo

ESTOUTRO DÍA fun ao Hospital da Costa, afortunadamente non por cousa mala. Alí esperei e observei esceas e cousas que xa non me sorprenden. Outras si. Se hai tempo que non van por alí, atoparano cambiado polas obras de ampliación. Invita ao optimismo que o hospital aquel do que saímos co recén nacido no colo, e que tiña 60 camas e 29 médicos, agora teña 140 e vaia ofrecer máis larganza para todos, incluído o cento de facultativos. Iso si, ao contrario que daquela, cando poñiamos a durmir as criaturas boca abaixo, agora só vexo saír con pícaros a nais e familias de inmigrantes. É bo que alguén críe. Logo están os que se queixan ás portas: non hai onde aparcar, que mira para aí como teñen todo... a ver cando lles queiran cobrar o párking, se finalmente o poñen de pago. En todo caso, alí arredor vaise un acomodando. Non coñecen os atrancos para acceder, por exemplo, ao hospital infantil Teresa Herrera, na Coruña. Vaian de mañanciña e compróbeno. Xa se sabe, queixámonos por todo. Co dito, alegra ver as obras do Hospital da Costa, polo que por alí pasamos ou pasaremos e porque seiscentas e pico persoas traballando nel dan moita vida a Burela e á comarca da Mariña.

Comentarios