Opinión

Coeficientes redutores

Saíu adiante no Parlamento a proposta defendida por José Manuel Balseiro para que se revisen os coeficientes redutores de xubilación de mariñeiros, redeiras e mariscadoras "conforme a criterios máis realistas e acaídos á realidade actual". Supoño que queren retiralos antes ou modificar criterios. Agora, segundo traballes nun barco de altura ou baixura, con maior ou menor porte, o coeficiente aplicado cambia. Seica pescar lonxe cotiza por riba de levantarse cedo para largar na Estaca pero non entendo que xente enrolada pero sen ir ao mar poida xubilarse aos cincuenta e pico. 

Este tinglado das prexubilacións necesita un bo repaso pois tamén ser gandeiro é moi duro. E que me din do persoal de limpeza, as xerocultoras das residencias ou quen sobe ao andamio? Tanto ou máis penoso fisicamente é andar no monte ca ser bombeiro, ferroviario, policía local...Tamén xubilan antes aos matadores de touros, que dubido sexa profesión ao uso pois acostuman a reciclarse en terratenentes e vende exclusivas. Mellor ca algúns médicos e enfermeiras de primeira liña, que deberían descansar aos 60. Seica hai que ter padriños, incluso para os que viven, e morren, no perigoso mar. Naveguen en barcos en Terranova ou Gran Sol, ou o fagan en lanchiñas expostos ás sorpresas da costa. 

Comentarios