Opinión

Semana Santa no Ipad

Nas Catedrais hai verdadeiras procesións de turistas estes días de Semana Santa. Andan paso arriba, paso abaixo entre as penas escoitando o mar mentras deciden onde comerán: na festa do polbo de Xove, na do mexilón de San Cibrao, nas tapas de Foz, ou se a cea vai ser de callos con fabas de Lourenzá. Que xa é peito (e tamén estómago) o que lle botan os de Lourenzá ás ceas. Iso por oriente, porque por Occidente os atascos relixiosos e gastronómicos están en Viveiro. Unha vez máis, a cidade desprega toda unha herdanza relixiosa e turística que vai ser observada e fotografiada do dereito e do revés. Tanta xente acode a vela que a Xunta de Confrarías repartiu uns folletos nos que pide respecto para a Semana Santa. Máis ou menos piden isto: "Fotógrafo e cámara de video, profesional e afeccionado... respecta as procesións, respecta aos espectadores". Tratan de conseguir que toda aquela xente armada de aparellos de todo tipo, dende cámaras a smartphones e incluso tabletas, non camiñe entre os cofrades, no cruce por diante dos pasos, non vaia falando na procesión, non coloque trípodes nos lugares de paso das procesións. Pídenlles que saquen a foto e se retiren do desfile, pero isto cada vez parece máis difícil conseguilo. Non hai cancelas que paren a marea humana, nin nas catedrais nin baixo a estatua de Pastor Díaz. E xa os profesionais dos medios, que veñen contribuindo por certo dende hai anos a darlle maior pulo a estas festas e paisaxes de interese internacional, se ven arrastrados no medio do problema e deben botarlle máis valor ca unha cea con callos e fabas, ou con faragullos da miña terra.

Daquela, eu sigo levando a cámara pero hai anos que optei por manterme en discreto segundo plano. Entre outras cousas, porque tamén tódolos anos aparecen as mesmas persoaxes arredor dos pasos. Definitivamente, hai xente que quere aparecer en tódalas fotos. E non me refiro aos esforzados costaleiros ou aos músicos, que teñen moito mérito. Aparte, o mundo das procesións estase renovando nese segundo plano. Ves xente daquí ou extranxeira facéndose selfies e ata podes escoitar unha banda que se arranca na tamborrada con My Way mentres un hispanoamericano vestidiño coas cores estadounidenses, tal que para o 4 de xullo, tamén lle pega ao seu tambor tentando participar da festa. A tamborrada é a miña preferida, polo desenfado, porque non hai tantos reparos co paso duns e doutros. Eu vin xente que veu gravala a Viveiro ata co Ipad.

Comentarios