Opinión

O que arde no audiovisual

Algunha vez probaron a ver Xogo de Tronos dobrada ao español hispanoamericano? É un método infalible para botar risas nunha fin de semana de inverno. O meu fillo di que o seu é vela en inglés pero claro, ao meu nivel e con tantos capítulos, acababa co son en castelán. Unha pena non dobrala ao galego, terían canteira no reparto de Matalobos e habería unha pilísima de choio máis, con tantos personaxes arredor dos protagonistas e dos lobos. 

Necesitamos máis galego na HBO, na Netflix e por aí adiante, non só en Filmin e Movistar. Iso de andar ás agachadas coas cotas de produción segundo teñan aquí ou alí o domicilio social non ten xeito e debería quedar claro na Lei do Audiovisual. O galego, o catalán e o éuscaro tamén son idiomas europeos e a súa industria, tan internacional como a dos coches necesita máis que nunca rehabilitarse e recuperar espazos alí onde vai a audiencia, nos espazos dixitais ata agora negados. Unha porta para o talento, para produtoras e a xente nosa do audiovisual que deixe entrar tanto fondos coma traballo e novos valores. Só na nosa contorna Luis Iglesia, Xacio Baño, Adrián Canoura, Xaime Miranda, Rosalía Castro, Breixo Llano, Jose Besteiro, Nuria Lestegás, Álvaro Gago e moitos outros técnicos, creadores e tradutores merecen máis oportunidades. E o audiovisual que arde aquí xa o demostrou tamén Óliver Laxe en Cannes, por non falar do talento da fotógrafa pontesa Lúa Ribeira, fichada por Magnum.

Comentarios