domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Na Ponte hai cousa boa

Non esaxero se digo que cada vecín da Pontenova ten na casa un museo ou alomenos unha peza antiga que o conecta profundamente con esa terra, afondando por baixo do Eo e das galerías da mina cara a Xanfoucín. É máis, o que non ten restaurada unha hucha, recuperou unha serra de aire de seu avó ou gardou tódolos aparellos antigos de tascar o liño para que os conserven os fillos. 
Isto é tan real como as mantas de panos tecidos que poderían ser a auténtica bandeira común do concello. Hai poucos días, e disto xa lles falarei con detalle máis adiante, puiden ver a brosa de entibador mineiro que fora du meu bisavó e que está primorosamente recuperada por un rapaz que lle dá a todo e ben. Na Pontenova quen non ten unha viga de castiñeiro cepillada e vernizada no salón, recuperou pedras preciosas nas leiras, ás veces gouños ferreais de moitas toneladas. 
Admiro a esta xente porque demostra amor polo que fomos e somos. Non imaxino mellor lugar para unha feira de artesanía que na Ponte. Recordo latoeiros, albardeiros, xastres, ferreiros e artesáns de todo tipo propios dun pobo con feira. Sobre todo, carpinteiros de primeira. Alí non se conforman con calquera cousa, mesmo na medida do viño ou do pincho. Aínda o outro día no Eo me deron unha tapa de tortilla de 6x6 centímetros. Por iso teñen que ir á Pontenova, onde hai cousa boa.

Na Ponte hai cousa boa