Opinión

Largatixas de San Román

ATA AGORA nunca atopara largatixas máis valerosas cas dos Ancares. Alomenos, hai anos defendían os seus penedos e solainas, apartando só no último momento. Ata hoxe que din cunha no paseo da praia de San Román, no Vicedo, aposentada no camiño como está mandado. Ata fun quen de sacar e armar o móbil para retratala. Non me vería cara de vítima?

Esta fixo que era parente dun mosasaurio ou dalgún becho dos que dominaron os mares a finais do Cretácico, tamén polas ribeiras de Europa, ata que se extinguiron haberá 65 millónes de anos, igual cós seus contemporáneos dinosaurios. Os mosasaurios eran os largatos máis achegados dos varanos de hoxendía e alcanzaban ata quince metros de lonxitude. Palentólogos da Universidade de Yale descubriron hai pouco que estas criaturas non nacían nas ribeiras senón en mar aberto, onde atoparon fósiles. Teñen aparecido restos tamén en España e a parti de mandíbulas e cráneos sacaron ese gran parecido coas largatixas. Quizás estas herdaron algo da súa rapidez e valor.

Por certo, os paseos das dunas de San Román están cheos de lixo. Poida que non o recollan por temor á ferocidade das largatixas.

Comentarios