Opinión

O gasóleo como detonante

Cando ves camións de transportistas e empresas pequenas rotulados cos nomes dos fillos non podes menos que solidarizarte coa xente que ten no gasóleo un problema crítico, e recordamos que estiveron agarrados ao volante durante a pandemia pero sabemos, ou senón que llo pregunten a eles mesmos, que andan polas caras autoestradas europeas, que o combustible en España non é o máis caro de Europa (máis ben ao contrario, en Alemaña, Francia, Holanda, Portugal... custa máis repostar) nin os impostos son aquí os máis elevados, pese a que supoñen xa o 50% do prezo de cada litro. Hai países coma Italia ou Países Baixos onde as taxas e impostos superan xa ao propio custe do carburante e noutros non é tanto problema porque unha gran parte do transporte faise por ferrocarril, caso dos xermanos. Quizás habería que destacar do noso que en España, tan dependente do turismo e a hostalaría,  a caña de cervexa subiu bastante e un vasiño custa xa tanto coma o litro de gasolina. O cal nos indica que todo vén rodado.

Escoito camioneiros nas mobilizacións cargar sobre todo contra as «cargadoras», os intermediarios, como os gandeiros critican os prezos do leite nas grandes superficies. O que me fai pensar que o combustible funciona outra vez como detonante dunha situación que xa viña quente. Aquí hai axudas pola PAC que cubren moitas circunstancias (aínda que non alcancen fronte ao encaremento eléctrico), gasóleo bonificado para arar e pescar, unha sanidade pública que, pese a todo, é un luxo no mundo... Non todo está mal pero a crise vese vir como bóla de neve que medra para todos os cidadáns polo encarecemento dos produtos básicos e pola inflación. Tamén papa os beneficios do pequeno empresario mentras os grandes saben que non os deixarán caer. ‘É o capitalismo, estúpidos’ nos dirán, unha vez máis do libre mercado, un sistema onde un billete de avión de última hora ao estranxeiro sae máis barato có menú do día nun bar de camioneiros.

Ou nestes momentos se artella un plan que corrixa os problemas do sector en particular, e da crise enerxética en xeral, ou isto semella que só será a primeira chispa para deter todo. Veremos como respiran o luns para nas reunións ministra-transportistas.