Opinión

Aínda non está todo perdido, vén o Green Building

Unha nova xeración de empresas e profesionais que non sairán da universidade ou centro tecnolóxico exclusivo terán oportunidade na Mariña. Na Veiga volverán estudar aquela construción sostible e entrañable que tivemos: a do adobe e palla, a da lousa, madeiras de carballo e castiñeiro, a da pedra e o cal. Todo elo encaixa na tendencia actual do Green Building, da construción ecolóxica. As novas tecnoloxías e conciencia recuperan o valor de todo aquelo que empregaba materiais e técnicas do entorno. É urxente, se ademais queremos salvar e recuperar un patrimonio arquitectónico a punto de ser tragado polas hedras e o esquecemento. 
Non sabía que o alemán Guido Tomasini viñera para Vilarmide co seu proxecto de bioconstrución pero ten todo o sentido porque, sen dúbida, A Pontenova e todo o noso territorio é mostra do respecto e sabio deseño proclamado agora como favorable ao medio ambiente. A contrución ecolóxica e a economía local están moi relacionadas e seguramente necesiten incentivos políticos, económicos e tecnolóxicos. As nosas empresas da madeira e da pedra poderían evolucionar moito e A Veiga ou A Pontenova son bos sitios para desenvolver isto pola gran tradición de carpinteiros e ferreiros, e ás nosas terras ácedas e fachadas lles viña ben o seu cal. Na Veiga ben poden verse os antigos fornos de cal pero tamén os houbo en Mondoñedo ou Chavín. Tomasini podería facer carreira tamén no Courel e nos Ancares, incluso nas terras máis occidentais da cantería. Xa está ben de materiais fuleros e dos chambóns. Esta iniciativa de Intereo trae luz e calor a un ano que declinaba triste, escuro. Supón un pulo a vellos oficios e técnicas, ecolóxicas, que promociona tamén a asociación Espiga con múltiples experiencias e seminarios que abranguen o antigo e as novas tecnoloxías. Por riba, estes cursos porán as obras das casas nas mans das mulleres, reservándolles o 50% das prazas dos cinco cursos que van desenvolverse a partir de xaneiro en terras asturianas e luguesas. Algo novidoso nun sector tan masculinizado coma o da construción.