sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

Por amor

Unha historia de amor, a de Alisa Smirnova e Pavel Yakushev, moza e mozo que procedentes da cidade rusa de Kolomma viñeron parar a Navia un día

POR AMOR nacín da terra./ Por amor son o que son./ Por amor canto o meu canto./ Por amor./ Por amor sángranme os pulsos/ e ábreseme o corazón./ Por amor dóenme os ollos./ Por amor, só por amor". Así ol deixou dito Darío Xoán Cabana nun dos seus poemas de mocidade. Non é o seu favorito, ben ol sei; mais a min sempre me traspasou a epiderme. Porque eu penso que nesta vida habería que facelo todo por amor. Ie con amor. En todas as súas manifestaciois. Ben esto a conto porque hoxe quero contarvos unha historia de amor. A historia de dous veciños –veciña ie vecín– que cumpren á perfección a máxima. Eles son, vaia xa por diante, Alisa Smirnova ie Pavel Yakushev, moza ie mozo que, procedentes da cidade rusa de Kolomma, preto de Moscú, seguindo os ventos do destino ou de non sei que estraña forza que os encamiñou, viñeron parar a Navia un día. Ie eiquí decidiron plantar as súas raíces. Xa teño escrito en máis dunha ocasión que meu pai, semilabrego de escasísima formación, ademais, era filósofo. Ó seu xeito. Cuando non sabía como explicar calquera feito, botaba mau dun refrán. Sabía máis refrais ca Sancho Panza. Abofé. Eso si, empregaba un ou o seu contrario en función da necesidade do momento. Ie, cuando non atopaba refrán a xeito, daquela, volvíase filósofo. Ie sentenciaba: "Taba pre el/ela". Sen sabelo, meu pai era determinista.

Destino, azar, casualidade… Chámalle x! O caso é que un bon día Pavel Yakushev, de vocación ferreiro-artista, amante de expoñer as súas creaciois na rúa, deixou a súa casa ie púxose ó camín. El, que antes navegara unhos 100 quilómetros nunha pequena canoa polo mar Branco á procura do arquipélago das Solovetsky nunha intrépida ie arriscada aventura que lle cambiou a percepción do mundo, cuando iniciou a nova singradura, non sabía que no planeta existía un lugar ó pé dos Ancares chamado Navia de Suarna. Cousas… Ela, periodista, modelo, fotógrafa… mesmo chegou a exercer de asistenta dun deputado da Duma, coñeceu a Pavel cuando lle encargaron facer unha reportaxe fotográfica dun dos proxectos artísticos que el, xunto cun seu irmán, desenvolvía por aquel tempo en Moscú. Ie prendeu o amor. Ie decidiu seguilo ie acompañalo, formar parte da súa vida ie encher, así, a súa propia. Porque nunca coñecera unha persoa tan valente ie incrible coma el, me confesou.

Por amor Bilbao, Austria, Asturias… Navia de Suarna! Vai pre dous anos que chegaron ie, neste pouco tempo, muito nos levan dado. Máis alá da alegría que supón ter unha parella nova entre a veciñanza da vila, máis alá dos seus sorrisos amables ie da súa cariñosa presenza, unha ducia de pequenas esculturas destes "nosos" artistas engalana xa as rúas ie os rincois da Cunca Encantada da Proba de Navia. Así. Porque si. Por amor. Porque Pavel ie Alisa consideran que hai que darlles vida a aqueles lugares onde falta vida. El, que ten obra espallada por Rusia, Alemaña, Francia, Austria, Estados Unidos, Italia, País Vasco… quixo agasallarnos tamén a súa arte a nosoutros. Xenerosamente. De maneira tan desinteresada que eles mesmos puxeron ata os materiales necesarios pre realizaren as súas obras. Porque consideran que Navia é xa o seu fogar, ie que as naviegas ie naviegos somos xa a súa nova familia. A nivel artístico, Pavel di que Galicia, que Navia, ol inspira enormemente. Ie Alisa… Alisa di que vivir eiquí significa ver cumprido un soño infantil, pois considera que este noso país é un dos máis fermosos do mundo.

Unha relación amorosa que confían que siga medrando día a día. Pre esto, seguen dándonos o mellor de si mesmos e manifestándonos ese seu amor da maneira que mellor ol saben expresar: a través das súas composiciois artísticas. Tal e como farán os días 7 e 8 de agosto cuando, fronte ó público ie interactuando con el, crearán unha nova obra pre Navia, esta vez de maior tamaño. Que van facer? Non mol quixeron desvelar.

Confío en que o pobo de Navia saiba corresponder, como merecen, cos "nosos" artistas acompañándoos, dándolles calor ie valorando o seu traballo. Eles, que nada piden, que ol fain todo, simplemente, por amor. Por amor á arte, nunca mellor dito. E por amor a Navia. Cun amor incondicional.

Por amor canto o meu canto… Por amor son o que son…

Por amor